Miguel Pardo / Praza pública.
O movemento cidadán e veciñal contrario á megaminería contaminante advirte que a paralización temporal do proxecto mineiro de Corcoesto anunciada pola Xunta
supón tan só "unha batalla gañada" pero alerta de que "a guerra continúa" e que a presión social contra a mina en Cabana de Bergantiños "non pode deterse agora".
"É unha vitoria parcial nunha loita contra a megaminaría que non pode deterse agora"
Tanto a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños como
Salvemos Cabana consideran esta decisión do Goberno galego como
"unha vitoria parcial na loita contra a megaminaría,
froito da grande presión social exercida na Galiza contra o proxecto",
pero piden máis e insisten en que seguirán "na loita" en tanto "non se
produza a súa paralización definitiva e oficial".
Así, a plataforma, e logo do anuncio feito público pola Consellería de Economía e Industria,
solicita a retirada do proxecto e a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) ditada no seu día pola Xunta.
Para este colectivo, o comunicado da Xunta é "un recoñecemento oficial"
de que a iniciativa de Edgewater incumpre os requisitos ambientais e
técnicos, o que "debería supoñer por parte das autoridades a inmediata
retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi
ditada de maneira inadecuada".
Ademais, exixe que, se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto,
"elabore un novo EIA completo, con todos os informes pertinentes, e o
presente de novo a exposición pública" e censuran que se fale de
presentar novos informes, en lugar de tramitar o proxecto "de maneira
transparente, atendendo aos protocolos establecidos e non por
capítulos".
A Plataforma en Defensa de Corcoesto pide a nulidade da DIA e a retirada definitiva do proxecto
Por iso, a plataforma entende que a declaración institucional vén dar a
razón ás denuncias de falta de rigor dos informes presentados pola
empresa e agarda que
a nota de prensa, "que non deixa de ser publicidade e papel mollado", se traduza "nunha publicación no DOG onde se recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto".
Por outra banda, Salvemos Cabana -ao igual que organizacións
ecoloxistas como Adega- lembra que no seu comunicado "a Xunta tan só
fala de rendibilidade económica".
"O único que lle pide o
Goberno á empresa, esencialmente, son máis cartos, pero para nada se
fala dos perigos para o medio ambiente e en ningún momento se cita o
arsénico", asegura Ramón Varela, xornalista ambiental e voceiro do colectivo.
"A Xunta, esencialmente, pídelle máis cartos á empresa e nada di dos perigos para o medio ambiente ou do arsénico"
Aínda así, Varela recoñece que esta paralización temporal "é unha boa
nova" porque "o proxecto xa leva seis meses de atraso" e "os problemas
económicos da empresa son importantes".
"O prezo do ouro está caendo e todos os expertos recoñecen que isto é unha burbulla que pode estoupar;
planexar como estratéxico este proxecto industrial non ten nin pés nin
cabeza, porque podería ser abandonado en canto o mineral deixe de ser
rendible, como ocorreu en Asturias", insiste.
Para Salvemos Cabana, xa que logo, os atrancos que a Xunta -e a propia
empresa- atopa no camiño do proxecto de Corcoesto son puramente
económicos.
"O propio Goberno veo como algo inviable
tal e como está pensado, pero a súa concesión é por noventa anos e estas
compañías mineiras teñen algo en común sempre: nunca se renden",
advirte Varela, que recorda que Edgewater leva investidos "cartos a
esgalla" en Cabana.
A caída do prezo do ouro e o elevado investimento en Corcoesto estanlle a provocar graves problemas á multinacional
"O problema é que o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de
Galicia e toda a lexislación mineira estatal e autonómica supoñen unha
barra libre para estas empresas; que máis dá se logramos paralizar o
proxecto de Corcoesto e logo o intentan facer na Fonsagrada? Non
queremos este tipo de minería en ningún lugar de Galicia", engade
Salvemos Cabana, que tamén lanza unha advertencia á Administración.
"Se a Xunta pensa que nos imos relaxar ou quedar parados, que se esqueza; imos seguir loitando",
di. "Esta paralización temporal só pode ser o principio da solución,
pero a única solución verdadeira é deter o proxecto de vez", remata.