domingo, 19 de febrero de 2012

Galiza: A CIG fixa a convocatoria de folga xeral nacional para o xoves 29 de marzo

A CIG convoca folga xeral nacional para o xoves 29 de marzo.

 
O Secretariado Confederal da CIG, reunido este venres, día 17 de febreiro, acordou fixar a data da convocatoria de folga xeral para o día 29 de marzo. Así o comunicou o secretario xeral, Suso Seixo, quen explicou que para tomar esta decisión tívose en conta que durante o mes de marzo entrarán a debate, no Congreso, a reforma laboral e os Orzamentos Xerais do Estado e que para esa mesma data, tamén convocou folga xeral a maioría sindical vasca.
120217RpSeixo, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou que no decurso desta semana, a CIG mantivo reunións con CCOO e UGT para intentar acordar a convocatoria conxunta da folga xeral.
O acordo non foi posíbel, malia o que a central sindical, tal e como se valorou no Secretariado, estaría disposta a facer coincidir a data de folga xeral coa destas centrais sindicais, se finalmente decidiran convocala. “Non imos aparecer con dúas datas de folga xeral en Galiza”, dixo, aclarando que, en todo caso, “a iso queremos pórlle unha temporalidade. Se van a aparecer convocando para o mes de abril, maio ou xuño, non nos vale”.
O secretario xeral da CIG sinalou que o mes de marzo é determinante porque estarán a debate, no Parlamento español os orzamentos do Estado, que “van impor recortes durísimos para reducir o déficit en 40.000 millóns de euros”. Uns orzamentos que serán, dixo, para “botarse a tremer”. Tamén, durante o mes de marzo entrará a debate, por vía de urxencia, a reforma laboral, mediante un Proxecto de Lei, o que obriga, dixo, a convocala nese mesmo mes.
A este respecto lembrou que cando se debateu a reforma das pensións, tamén se mantiveran xuntanzas con CCOO e UGT “en reiteradas ocasións”, para abordar a necesidade de ir a unha folga xeral antes de que se aprobara a lexislación nesa materia. “Eles o que fixeron foi pór como liña vermella a idade dos 65 anos e despois fixeron saltar esa liña vermella e terminaron pactando a xubilación aos 67. Moito nos tememos que nestes momentos esteamos ante un escenario parecido”, afirmou, “que estean intentando chegar a acordos con Rajoy para dulcificar certos aspectos da reforma, para logo vendela como algo positivo e non estamos dispostos a caer nese tipo de trampas”,engadiu.
O maior ataque á clase traballadora desde a transición
Para a CIG a reforma laboral é “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición” e supón “cargarse” o dereito do traballo tal e como estaba concibido até o de agora. “A normativa pretendía dar amparo á parte máis feble nas relacións laborais, que é a clase traballadora. Con esta reforma laboral dáselle a volta cunha normativa ao servizo do empresariado”, sostén Seixo.
Agora os empresarios poderán “decidir unilateralmente as condicións laborais da clase traballadora en aspectos básicos como salario, xornada ou mobilidade funcional nas empresas”, dixo, desmentindo que vaia favorecer a creación de emprego.
De feito, para desmontar a teoría de que o problema do paro é a lexislación laboral, lembrou que, coa mesma normativa no País Vasco o desemprego é do 12,5%, mentres que en Andalucía está no 31% e que no período 2001-2007, tamén con esa lexislación, creáronse millóns de postos de traballo. “Agora vaise facilitar e abaratar o despedimento, poñendo man de obra barata no mercado, substituíndo emprego fixo por temporal e propiciando que os pais e nais deixen os seus postos de traballo de forma barata, para que se contrate aos seus fillos pola metade de prezo”.
Seixo salientou tamén que se reduce a indemnización de 45 a 33 días por ano; foméntase o despedimento por causas obxectivas, que ten unha indemnización de 20 días por ano traballado; posibilítase o encadenamento de contratos de formación ou aprendizaxe até os 30 anos; créase unha nova modalidade de contrato indefinido, “e hai que ter moito valor para chamarlle así”, cun período de proba de un ano. Período no que se vai poder despedir sen pagar indemnización algunha.
A reforma tamén baleira de contido a negociación colectiva ao priorizar o convenio de empresa fronte o convenio de sector. “Estase xeneralizando o dumping social, porque vai provocar unha carreira entre empresas para asinar convenios por debaixo dos de sector e non só iso, tamén por debaixo do da empresa que fai a mesma actividade e que está 100 metros máis alá”, explicou.
A isto engadiu a posibilidade de que as empresas se poidan descolgar dos convenios colectivos, non só de sector, senón os propios convenios de empresa, se poden xustificar problemas de competitividade ou que van caer as súas vendas.
Ademais, alertou do seguinte paso que quere dar a patronal, que é reformular o dereito de folga, baleirándoo tamén de contido, sen eliminalo, porque é un dereito constitucional.
Con este panorama, para a CIG existen razóns de sobra para convocar a folga xeral, á que se agarda que se sumen pequenos sindicatos de estado. Entrementres, CCOO e UGT mantéñense na ambigüidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario