jueves, 25 de enero de 2018

GALIZA: Liberdade inmediata para o profesor GN Saibaba. Un artigo do compañeiro Adolfo Naya (Praza Pública)

Liberdade inmediata para o profesor GN Saibaba.

Adolfo Naya*

Se xa é difícil a vida cunha parálise do 90% do corpo e tendo que moverse cunha cadeira de rodas, así como unha pancreatite aguda, máis difícil é ter que vivila nunha cárcere, máis concretamente na India, e isto é o que lle está a pasar ao profesor de literatura inglesa GN Saibaba.
GN Saibaba é profesor da Universidade de Delhi, destacado  intelectual e defensor irrenunciable dos dereitos do pobo. Sempre tivo un papel activo nas denuncias das atrocidades cometidas polo  Estado indio contra Adivasis e Dalits e contra a chamada Operación “Cacería Verde”, unha práctica xenocida  baixo o manto da “guerra contra os naxalitas”.
O 7 de marzo de 2017, GN Saibaba foi declarado culpable de “actividades ilícitas”, conspiración para cometer un “acto terrorista” e “pertenza a unha organización terrorista”, entre outros delitos, e condeado a cadea perpetua por unha corte de Maharashtra en aplicación dunha draconiana lei antiterrorista, a Lei de Prevención de Actividades Ilegais.
A propia Amnistía Internacional ven de denunciar e iniciar unha campaña sobre a situación do profesor, considerando que a Lei de Prevención de Actividades Ilegais,  non se axustan ás normas internacionais de dereitos humanos: "Amnistía Internacional considera que os cargos contra G N Saibaba son falsos e que ao seu xuízo non cumpriu as normas internacionais sobre as garantías procesais”.
O activista, está na Prisión Central de Nagpur (estado de Maharashtra). Dende a súa entrada na cadea a saúde de GN Saibaba empeorou considerablemente. Xa sufriu varios desmaios, e o seu avogado denunciou que as autoridades penitenciarias néganlle o acceso aos medicamentos e que non lles dan información sobre a súa saúde.
A familia e amigos temen pola súa vida devido ás condicións penosas que está a sufrir. Pero a dignidade do profesor manteno firme contra a tortura, mostrándolle ao mundo que a pesar das súas dificultades físicas e a tortura á que está sendo sometido por parte do Estado, coa intención de que claudique das súas ideas ou de que finalmente morra, el non renuncia a seguir denunciando a explotación, opresión e o xenocidio que se está a producir contra ao seu pobo por parte do Estado indio. Como exemplo da súa determinación é este poema escrito a finais de decembro dende a cadea:
Nai, non chores por min
Cando veñas a verme,
nai, non chores por min.
Non puiden ver ben a túa cara
dende a xanela de fibra de vidro.
Se ti botaches un ollo ao meu corpo lisiado
poderás crer que aínda estou vivo.
Chora, nai, non pola miña ausencia na casa;
Cando vivía na casa
tiña moitos amigos
polo mundo,
pero encarcerado  nesta prisión,
Anaa Cell,
gañei moitos máis amigos
por todo o planeta.
Nai, desespérate,
pero non pola miña saúde danada;
cando na miña infancia
non podías pagar un vaso de leite
alimentáchesme coas túas verbas
con forza e coraxe.
Neste momento de dor e sufrimento
aínda collo forzas das que ti
me alimentaches.
Nai, non perdas a túa esperanza;
dinme conta de que a cadea no é a morte,
senón o meu renacemento,
e volverei a casa,
ao teu regazo que me nutriu,
con esperanza e coraxe.
Nai, non temas pola miña liberdade;
cóntalle ao mundo
que a miña liberdade perdida
é liberdade gañada para ás masas.
Como todos os que están ao meu carón
fai túa a causa dos miserábeis da terra
sobre a que se sostén a miña liberdade.
Nestes días a Comisión Europea vén de dar resposta a unha pregunta da Europarlamentaria Lídia Senra interesándose pola situación do profesor GN Saibaba. Na súa hipocrisía  clásica como institución burguesa que defende os seus intereses como clase explotadora, onde sempre mostra a súa preocupación polos dereitos humanos ao longo do mundo, pero permite a morte de milleiros de traballadores e traballadoras que tentan chegar as súas fronteiras, ou vende as armas e os instrumentos para que sexan violados todos os dereitos humanos en todo o mundo, a Comisión Europea gabouse polos avances no respecto dos dereitos humanos na India e mostrou a súa preocupación pola caso do profesor, pero sinalando que neste caso había que agardar a resolución do recurso presentado por este. Como para os que non sofren a tortura diaria agardar non significa nada, permiten a situación do profesor sendo a Comisión Europea cómplice desta tortura e da violación dos dereitos humanos.
Isto demostra que só dende a solidariedade e a mobilización das clases traballadoras é como podemos  tentar de salvar a vida do profesor e parar o xenocidio que o Estado  indio está a realizar contra os pobos Adivasis e Dalits e militantes naxalitas. Por certo, contando coa complicidade entre outros do Estado Español, como vendedor de armas e con tratados sobre seguridade e intelixencia militar, todo xestionado polo ex Ministro de Defensa Morenés e polo antigo embaixador Gustavo de Aristegui, agora acusado de corrupción.
Dende Galiza, un pobo sempre solidario cos pobos e coas clases explotadas, fago un berro seco, como aqueles que soaron para reclamar a liberdade dos presos e das presas políticas galegas, para reclamar a liberdade inmediata do profesor GN Saibaba.

*Adolfo Naya. Antropólogo, ten publicado recentemente o libro Operación "Caceria Verde" na India. Practicas xenocidas na extratexia de contra-insurxencia Corazóns e Mentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario