sábado, 14 de septiembre de 2019

GALIZA: O Val do Limia nom esquence.

A curva de Fontaboa racha un silencio ignominioso

 
[Imaxes: CMVL] Benito Valencia, asasinado no 36. E o cartel do acto de hoxe.
[Imaxes: CMVL] Benito Valencia, asasinado no 36. E o cartel do acto de hoxe.  
 
Un memorial rende desde este sábado homenaxe a 25 vítimas do fascismo nunha curva dunha estrada comarcal no concello de Bande. Familiares dos represaliados e activistas pola memoria rescatan oitenta anos despois anacos dunha historia que segue agochada nos silencios.
“A miña nai tiña 8 anos cando lle mataron o pai”, di José, que leva Benito tamén no nome, o nome do avó. “Apareceu nunha estrada preto de Xinzo. A avoa chegoulle a nova polo polbeiro de Xinzo. El saíra para facer noite en Meaus na casa duns parentes e pasar logo a Chaves. Parece que tiña idea de marchar para Lisboa”. Manuel é un dos irmás pequenos, ten 63 anos, a outra irmá tamén estirou as vacacións de cada verán en Muíños para asistir a homenaxe. Os tres viven en Barcelona. Marcharon de cativos canda a nai e a avoa. “Lavemos corenta e sete anos alá, eu cheguei con 15 anos, pero son de esquerdas e galeguista. Sempre o fun. Sobre todo, antifascista. Pero na casa non falabamos diso. A avoa sempre estivo calada. Penso que cando chegou a democracia abriuse algo máis, pero…”
Benito Valencia Bouza. Val do LimiaBenito Valencia Bouza é a terceira vítima anotada no memorial que este sábado se inaugura nunha curva dunha estrada entre os concellos de Bande e Muíños, onde un grupo de activistas e familiares de vítimas fan abrollar a memoria do horror. A data coa que está anotado Benito é o primeiro de agosto de 1936. Tivérono dous días retido despois de collelo. El era concelleiro do PCE no Concello de Muíños. Na partida de defunción pon: “por arma de fuego”. Cando o toparon en Xinzo, o forense fixo a autopsia e enterrárono no cemiterio de alí. Cando o toparon sacáranlle un reloxo de ouro. Contoullo á familia un xastre de Burgos que estaba desterrado. “Non puido dicir quen llo roubou, pero sabíao”, asegura José Benito, “a avoa sempre intentou que non quedaramos coa carraxe ou a xenreira, non falaba daquilo”.
José Benito e un amigo toparon nun pombal unha granada de man no 59. Estopoulles. O amigo pasou dous días moi mal e despois morreu. El perdeu a visión dun ollo. Tiña dez anos. Despois quedou cego. A familia mudouse a Barcelona. A principios dos oitenta, coa democracia, a avoa concedéronlle unha pensión de viúva. Foi a única reparación, pero tamén rodeada de silencio. 
“Eu sinto unha emoción moi grande”, confesa Manuel, “agradezo moito o traballo desta xente que recuperou a nosa historia. Si, en Barcelona hai máis presión social e estas cousas van máis rápido, e xa sabemos como é Galiza”. “Igual tiñamos que telo sabido todo antes”, apunta José. A avoa morreu no ano 2000, tiña 92 anos.
Un monólito de sete toneladas para honrar ás vítimas
O memorial que homenaxea ás vítimas do Val do Limia é un peno de granito de máis de sete toneladas e tres metros de alto, que traballou o mestre canteiro Diego Currás, O Rixón, e leva gravado o nome e a data das execucións de 25 persoas. “Son vítimas do fascismo”, puntualiza Carlos Morais, “porque mesmo dous deles morreron en campos de concentración nazis”.
Memorial das vítimas da represión franquista en Muíños (1)O monólito está preto da estrada, na curva de Fontaboa, entre Nigueiroá e Xordos, no concello de Bande, na estrada OU-1201 que une as marxes do Limia, “un paso moi transitado durante os anos da guerra”. Non todas as vítimas foron asasinadas alí. Os primeiros en caer, os nomes que figuran arriba na inscrición, son os de Juan Manuel Álvarez, O Noches, e Jenaro Alonso Santos. Morreron o 29 de xullo e o 30 de xullo do 36. O Noches era un campesiño de Nigueiroá de 62 anos. O Santos, un panadeiro que nacera na parroquia de Meixide, en Bande, e no 34 estivera en Lisboa. Eran, probabelmente, conta Carlos Morais, militantes do PCE, “unha forza moi estendida pola zona de Ourense naqueles anos”. O Noches e o Santos morreron alí. O terceiro foi Benito Valencia, que foi atopado en Xinzo.
Carlos Morais é un dos membros do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, un dos investigadores que deu cos nomes e as historias dos represaliados, “sen axuda institucional ningunha”. “Non a queremos, por iso para o acto deste sábado non convidamos a autoridade política ningunha. Son herdeiros do franquismo”, afirma.
Morais, coma outros membros do comité, coñecen historias de represión na propia familia. Levan anos coas pescudas, aínda que o comité non naceu formalmente até o ano pasado. Empezaron con dous roteiros, e para este mesmo ano xa avanzan un acto no encoro das Conchas, “para recuperar a memoria de aquelas aldeas anegadas polo primeiro embalse que levantou o franquismo”. Este ano fará 70 anos.
“Está sendo difícil”, confesa Morais, “a xente foi morrendo e nunca quixo falar, tampouco os que quedan. Oitenta anos despois o medo está moi vivo”.

Á homenaxe (ás 17.30 horas deste sábado 14 de setembro) súmanse Anxo Angueira, Carmen Blanco, Rochi Nóvoa, Elvira Ribeiro e Claudio Rodríguez Fer. Haberá música, coas pandeireteiras As da chispa e amigos, Carmen Penim & Maurizio Polsinelli, Xosé Cosntenla, Mini e Sés.

“Queremos honrar a todas aquelas veciñas e veciños de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños que contribuíron a paliar o atraso e empobrecemento, que exerceron solidariedade e contribuíron a mellorar as condicións de vida e a auto-estima dos sectores mais humildes e oprimidos”, conclúe o comunicado do Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia para a presentación do acto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario