domingo, 2 de junio de 2019

GALIZA: O sistema non se reforma, combatese e destrúese. Un artigo do compañeiro Xosé Portela.

La imagen puede contener: texto

O SISTEMA NON SE REFORMA, COMBÁTESE E DESTRÚESE
Xosé Portela.

Todas as “esquerdas” do arco parlamentario (as forzas reformistas ou socialdemócratas) preséntansenos como organizacións que, dentro do sistema capitalista, por iso están nas institucións, queren conseguir a “xustiza social, o “pleno emprego”... móstrannos á “dereita” parlamentaria como o símbolo do capitalismo feroz, que recorta, que destrúe, sendo, a representación dunha das formas do capitalismo, o neoliberalismo. Expresadas as cousas, deste xeito tal que semella que hai un capitalismo bo e un capitalismo ruín.
Para min non existe esa dualidade, non hai modelos bos e malos de capitalismo, o capitalismo baséase na explotación da clase obreira, sendo o seu propio funcionamento o que leva á crise e á degradación das nosas vidas.
A pesar de que se demostra, unha e outra vez, que o capitalismo non funciona, de que ocasiona, unha e outra vez, enormes sufrimentos e perdas, nos últimos anos vimos o rexurdimento dun "novo" reformismo da esquerda (cunha base electoral progresista) que, subíndose no carro das loitas sociais que xurdiron a raíz dos recortes laborais, económicos, sociais... que impuxo a dereita e a socialdemocracia (unha representación inmerecida, por certo), da o salto á “política” reproducindo as mesmas receitas que o vello reformismo.
Na situación actual cun capitalismo en crise (non se reparten migallas) o reformismo “vello” e “novo” queda co cu ao aire, evidenciándose rapidamente as súas limitacións. Os fracasos clamorosos do novo reformismo, cuxo maior expoñente, a nivel internacional, é o goberno de Syriza e os seus recortes sociais draconianos, sendo evidente, no Estado español a crecente decepción das persoas que responderon co seu voto á aparición de Podemos e as súas confluencias fai presaxiar o fracaso estrepitoso deste novo “experimento” reformista.
Fronte ao discurso e praxe reformista situámonos as persoas que, coma min, pensamos que desde os parlamentos, concellos... non se producirá ningún cambio substancial porque o poder real está noutro lugar (na sociedade capitalista está nas mans do capital). Porque os poderes e a maquinaria do estado non é neutra (menos nun estado como o español no que non houbo unha verdadeira transición quedando esa maquinaria en poder dos que a ostentaban durante o franquismo e reproducindo os mesmos valores, facendo boa a frase do caudillo fascista cando sinalou que “todo queda atado y bien atado”). Porque as dinámicas parlamentarias burguesas rebaixan e retardan as esixencias das loitas sociais, facendo que se finalmente, se se aproban, sexan reformas de menor entidade que as esixidas desde as rúas...
Mención aparte merece, para min, a defensa dos dereitos das nacións do estado español. Demostrouse en reiteradas ocasións, e neste momento de xeito evidente, que a vía institucional non vai dar saída ás lexítimas aspiracións dos territorios para os que se reclama o exercicio do dereito de autodeterminación. O reformismo español prégase ao nacionalismo españolista desbotando a defensa deste dereito. Neste eido considero que as forzas que defenden os dereitos das nacións do estado, coa participación nas institucións non fan máis que lexitimar o estado opresor, aínda con diferentes formas xuran unha constitución que ou ben non votaron ou votaron en contra. Non é nas institucións onde se conseguirá a acumulación de forzas para conseguir este obxectivo e calquera outro que vaia no camiño de acabar con este estado.
Para min e as persoas que pensamos deste xeito, o sistema non se pode cambiar sen levar a cabo unha revolución profunda que transforme as bases materiais nas que se sustentan as nosas sociedades, loitando polo socialismo desde abaixo, desde as empresas, as prazas, os movementos sociais...

No hay comentarios:

Publicar un comentario