viernes, 11 de marzo de 2011

GALIZA: Acordo de Unidade de Acción de varias organizacions comunistas.

O presente documento nos foi enviado polos camaradas do CLP "Manolo Bello".
Non entramos nunha valoración do mesmo, mais a presencia de organizacións que teñen-se destacado polo seu revisionismo, plantexa unha necesaria loita de lineas, para deslindar con posicións eclecticas que pretenden a unidade conciliando coas ideas que levaron a restauración capitalista.



Forxa!, PCPG e Ateneu Proletário Galego:
 Acordo de Unidade de Acción


Os e as comunistas galegos/as militantes das organizacións Partido Comunista do Pobo Galego P.C.P.G, Colectivos Comunistas de Galiza FORXA!! e Ateneu Proletário Galego facemos público o ACORDO DE UNIDADE DE ACCIÓN ao que temos chegado despois de encontros, intercambios e debates, que entendemos haberán de ampliarse para encetar un proceso de achegamento do conxunto dos partidos e organizacións marxistas-leninistas existentes na Galiza na perspectiva da reunificación do Movemento Comunista nos ámbitos nacional e mundial.As tres organizacións constatamos que a actual crise capitalista, sistémica, xeral e estrutural, sinala a entrada do modo de produción capitalista na súa fase terminal, nunha longa etapa de depresión crónica, na que cos seus estertores agónicos, pretende facer retornar o proletariado e aos pobos do mundo á escravitude e pauperismo que padeceu na mocidade do sistema, ademais de entregar á guerra imperialista, o fascismo e a barbarie exterminadora e xenocida como medios para o mantemento da dominación de clase e a súa supervivencia como réxime social.

Fronte aos plans dos estados maiores do imperialismo, temos que erguer novamente as bandeiras vermellas coa fouce e o martelo do Movemento Comunista Internacional, verdadeiro Estado Maior do proletariado internacional, reconstruílo en todo o seu potencial, para que, armado coa teoría do Marxismo-Leninismo, cumpra a misión histórica pendente de rematar: a Revolución Socialista Proletaria. Hoxe, mais que nunca antes na Historia, o proletariado representa a clase mais numerosa das clases traballadoras explotadas do mundo, desde a China a Brasil, e os seus intereses son indiscutiblemente os do futuro de toda a humanidade oprimida.

Para iso as/os comunistas galegas/os precisamos de unidade, política, ideolóxica e organizativa, que acadaremos mediante o debate colectivo honesto e xeneroso, crítico e autocrítico, clarificador e resolutivo, que nos dote dos recursos teóricos imprescindibles para unha acción política inaprazable nestes tempos que nos toca vivir. Temos un deber para coa a nosa clase, que nos ven dado polo papel dirixente que sempre tivemos no movemento antiimperialista e revolucionario mundial e no noso propio país que non pode nin vai cumprir ninguén mais que nós, pois representan outros intereses de clase con posicións político ideolóxicas sen a determinación estratéxica necesaria para esta misión histórica.

Os/as comunistas Galegos de FORXA!!, Ateneu Proletário Galego e do PCPG decidimos pór en marcha e dar pasos no camiño sinalado, resolvendo coordinar a nosa actividade política militante e aportarmos as nosas análises ao debate aberto, plasmado en documentos como o GUIÓN PARA DEBATE, de FORXA!! e as TESES POLITICO-ORGANIZATIVAS do PCPG, emprazando as outras organizacións e persoas comunistas galegas a se sumaren á esta iniciativa de reorganización dos e das comunistas, para así podermos contribuir mellor desde a nosa sociedade nacional ao fortalecemento e avance da causa do proletariado mundial.

Como liñas xerais da nosa acción política marcámonos a intervención no movemento obreiro galego e nas centrais sindicais do noso país, co obxectivo de elevar o nivel de unidade pola base do proletariado galego fronte á traizón e o sectarismo, pulando pola súa combatividade e consciencia política e ideolóxica, cara a mudar as loitas por obxectivos económicos e sociais inmediatos en loitas globais polo obxectivo político da derrota dos gobernos capitalistas e do propio réxime monárquico, da súa ofensiva anti-obreira e anti-popular da entente imperialista europea, para tomar o poder político mediante a conquista da democracia popular, a independencia nacional e o socialismo.

Defendemos unha táctica de Unidade Popular na sociedade galega, na que o proletariado fragüe unha sólida alianza coas restantes clases traballadoras detrás da súa dirección, que lle permita ampliar os seus apoios en torno a un programa anticapitalista, antimonopolista e anti-imperialista, subtraendo e neutralizando potenciais apoios a alternativas populistas, reaccionarias e/ou abertamente fascistas.

Os e as comunistas galegos/as, que ao longo da nosa historia sempre erguemos as bandeiras da emancipación social e da liberación nacional do noso país, apostamos pola Independencia como solución á cuestión da opresión que sofre o noso pobo, como parte integrante dunha aposta renovada por unha auténtica Internacional Comunista, das Clases Obreiras dos Pobos do mundo, agrupadas con un programa para a Revolución Socialista Mundial, entendendo a autodeterminación como exercicio de plena soberanía e capacidade política constituínte por parte exclusiva do proletariado e pobo traballador galego como únicos suxeitos desta. A loita de clases na sociedade galega e a loita de clases mundial son o eixo da loita pola liberación nacional e social, sendo tamén o proxecto da construcción da nosa irrenunciable República Socialista Galega, como parte do Socialismo Mundial. Sobre estas bases e as que resulten do proceso en marcha marcaremos a nosa actuación política no curto prazo. Agardamos compartir este camiño con todos os comunistas que fan da teoría revolucionaria do marxismo-leninismo unha práctica real e consecuente.



Desde Galiza,

POLA UNIDADE COMUNISTA E POR UNHA NOVA INTERNACIONAL!!

POLA REPÚBLICA SOCIALISTA GALEGA E POLA REVOLUCIÓN SOCIALISTA MUNDIAL!!

PROLETARIOS DE TÓDOLOS PAÍSES, UNÍDEVOS!!



Galiza, 15 de febreiro de 2011.

Partido Comunista do Pobo Galego (P.C.P.G.)


FORXA!! Colectivo marxista-leninista


Ateneu Proletário Galego

No hay comentarios:

Publicar un comentario