domingo, 19 de mayo de 2013

GALIZA: Entrevista do profesor Grover Furr para Forxa

"A nosa única resposta ten que ser reconstruír o Movemento Comunista Internacional" [Grover Furr].

Con motivo do Ciclo de conferencias con Grover Furr (profesor da Montclair State University –Nova Jersey-), baixo o título “A falsificación histórica contra o Movemento Comunista Internacional”, organizado por FORXA!, que terá lugar en Compostela e Ferrol (22 e 23 de Maio, respectivamente), o historiador norteamericano tivo a amabilidade de respostar a esta entrevista:
FORXA!.- Resume nunhas cantas frases cales son, ao teu entender, as causas económicas, sociais e políticas fundamentais que contribuíron á contrarrevolución na Unión Soviética.
Grover Furr.- Na miña opinión, é imposíbel responder a esta pregunta en poucas liñas sen acabar soando dogmático, xa que non hai cabida para a argumentación e as probas. Ademais, fun bruscamente atacado por algunhas persoas da esquerda polos últimos dous parágrafos en “As mentiras de Khrushchev”, onde me limitei a plantexar algunhas cuestións –preguntas obvias, creo– para futuras investigacións.
En xuño de 2011 falei sobre este tema. Aquí están as miñas conclusións, que terán que servir como a miña resposta polo momento:
Dende o meu punto de vista, o fracaso do socialismo no século XX NON foi debido a fracasos persoais de líderes como Lenin, Stalin ou Mao Tsetung. Estes homes, e moitos outros importantes comunistas nestes movementos, foron xente brillante e dedicada que traballaron toda a súa vida para construír unha sociedade comunista de xustiza e igualdade. Pensaron que poderían facer isto simplemente construíndo o “socialismo” primeiro.
E iso mesmo foi o que fixeron –construír e liderar sociedades socialistas tal e como eles as entendían. Estas sociedades acabaron desembocando no capitalismo explotador. Mais iso non foi por mor de que Lenin, Stalin, Mao e outros fosen imbéciles, ignorantes, corruptos, “criminais” ou “estar famentos de poder”. Eles foron as mellores persoas no mundo e guiaron o mais grande movemento de liberación na historia da humanidade.
A reversión ao capitalismo tivo lugar porque o “socialismo” contiña, en si mesmo, as sementes da súa propia destrución. O socialismo preserva demasiados aspectos do capitalismo explotador, tales como:
- Privilexios duns poucos a costa de outros.
- Diferenza salarial.
- A contradición entre o traballo psíquico e o traballo manual, e a tendencia a premiar ao primeiro máis que ao segundo.
- As contradicións entre a cidade e o campo.
- As relacións de produción capitalistas.
Todas estas contradicións citadas medraron, ou foron deliberadamente promovidas, dentro do mesmo Partido Comunista.
É evidente que o comunismo a gran escala, coa idea de explotación de clases e desigualdade, non terá lugar ata que todos os vestixios do capitalismo sexan borrados da face da terra. Fará falta, para iso, toda unha era histórica.
Aínda así, nunca chegará a acontecer de todo a menos que o concepto de socialismo sexa radicalmente modificado. Se non se modifica, entón as futuras revolucións estarán condenadas a repetir os erros das revolucións do pasado. Isto non só sería tráxico, senón tamén criminal –significaría que a nosa xeración de comunistas negouse a aprender as leccións dos nosos ancestros.
Considero que está claro que o mantemento da desigualdade e a súa perdurabilidade e crecemento a través dos mecanismos de mercado -o diñeiro- foi a principal causa da reversión do socialismo ao capitalismo. Tras futuras revolucións, a desigualdade e o diñeiro deberían de ser suprimidas. O principio de “a cada quen segundo as súas necesidades” debería de ser instaurado de inmediato.
Algúns obxectarán que isto diminuirá os incentivos para que a xente se esforce e traballe máis. Pero recordade a alternativa: o retorno ao capitalismo.
No referente a cómo denominar a esta primeira fase do comunismo tras a revolución: eu recomendaría abandonar o termo “socialismo”. Marx nunca o utilizou. O seu uso xurdiu dos partidos social-demócratas, dos cales veñen os Bolxeviques. Marx referíase á “primeira etapa do comunismo”. Polo tanto, poderíamoslle chamar así. O comunismo –un mundo de igualdade e solidariedade, no que todos son traballadores e ninguén vive explotado– é a antiga meta das clases traballadoras. É un bo nome. Así que eu propoño cambiar “socialismo” polo “escalón máis baixo” ou “etapa primeira” do comunismo.
Conclúo que temos que rexeitar o que o comunismo do século XX chamou “socialismo”.
Recordade: Marx e Engels non redactaron o “Manifesto Socialista”. O comunismo é o noso fin último.
O “socialismo” foi só válido no momento no que foi necesario como trampolín cara o comunismo. Pero nunca chegou a selo. Non porque non se intentase, ou porque “Stalin” ou “Mao o entendese mal”, porque NON o entenderon mal.
O socialismo tivo a súa oportunidade. Non funcionou. Non levou cara o comunismo.
Entón, cara a onde imos agora? Precisamos un estudo marxista – comunista marxista- para o entendemento do movemento comunista do século XX.
Mais existe un grave obstáculo. Descubrín que existe moi pouca confianza no marxista-leninismo entre os marxistas-leninistas que o profesan. Saco esa conclusión debido á volta constante á confianza cega e acrítica nunha ou noutra das grandes figuras da historia do comunismo: Mao, Trotsky, Lenin, Marx e agora tamén Stalin.
Moi a miúdo, a defensa do Marxismo-Leninismo responde a un “culto”, ou aceptación incondicional, dun ou outro, ou varios, destes líderes: Lenin, Stalin, Mao, Trotsky.
É máis: intenta atopar a alguén da esquerda que teña algunha crítica de Marx. Hai criticas de dereitas, revisionistas ou antirrevolucionarias en todas partes. Hai tamén anarquistas que abandonan o Marxismo completamente.
Pero hai unha escaseza de críticas marxistas e da esquerda sobre o movemento comunista do século XX que non se centren en (a) personalidades ou (b) o determinismo das forzas produtivas.
Finalmente, existe un tipo de “culto” dos propios escritos clásicos do Marxismo-Leninismo.
A idea de non saber o porqué do fracaso dos magníficos movementos comunistas do século XX é aterrador para moitos de nós da esquerda.
Pero o feito é: Non o sabemos!
É absurdo, a priori, pensar que calquera persoa, por grandiosa que sexa – Marx, Lenin, Trotsky, Stalin, Mao, Hoxha, quen sexa – podería ter sabido cómo construír o comunismo a partir das sociedades tal e como eran naquel momento da historia.
Como ían saber todo isto antes de que acontecese?
Que é o que lle pasou á ciencia? Ao materialismo dialéctico e histórico? Que é o que lle pasou ao Marxismo-Leninismo como método, non só un conxunto de respostas? Un método aplicado a feitos históricos corroborados?
O lema favorito de Marx era: “De omnibus dubitandum” - “Dubida de todo”. Iso é o que temos que facer. Necesitamos: un estudo comunista, materialista-dialéctico do movemento comunista no século XX, baseado en feitos sólidos, que ansíe criticar todo, non mentiras anticomunistas e trotskistas.
Ese foi o meu obxectivo informando no meu estudo da Unión Soviética durante a época de Stalin. Estas son as miñas conclusións máis importantes.
FORXA!.- No actual contexto de crise capitalista internacional, que significación consideras que ten para o Movemento Comunista Internacional actual a figura histórica de Iosif Stalin?
Grover Furr.- Os ataques e as mentiras sobre Stalin e a Unión Soviética durante o periodo do seu liderazgo son a principal arma ideolóxica contra a formación dun novo movemento comunista internacional. Axudándose das mentiras contra Stalin e a URSS, os anticomunistas están a dicir esencialmente que entre o comunismo e o fascismo non hai diferenza algunha, así como tamén que calquera movemento comunista debe ser detido a calquera prezo. Están pregoando que non hai ningunha alternativa comunista; que o capitalismo é “o mellor mundo posíbel”.
Esta é a “gran mentira” -a maior mentira da historia mundial.
FORXA.- Que nos podes comentar sobre o chamado testamento de Lenin? pode realmente atribuírselle a súa autoría?
Grover Furr.- Aquí expoño algúns puntos:
* Este título é completamente enganoso. En realidade Lenin non deixou ningún “testamento”. Deixou algunhas notas e apuntamentos.
* Só os trotkistas, Khrushchev e a dirección soviética posterior á súa época, xunto con anticomunistas, atribúen unha especial importancia aos documentos.
* Algúns ou todos eles poden ser parcialmente ou na súa totalidade unha falacia, aínda que todos naquel intre, Stalin incluído, crían que eran lexítimos.
* Eles non demostran, como moitos aseguran, que Lenin perdera toda confianza en Stalin.
* Se son auténticos, Lenin non estaba no certo. Lenin estaba moi enfermo nese momento e un tanto distanciado da política.
Teño unha extensa sección sobre isto no libro “As mentiras de Khrushchev”
FORXA!.- Que aspectos positivos destacarías da vida e a obra de Iosif Stalin?
Grover Furr.- Stalin era un comunista incribelmente dedicado, intelixente, traballador e talentoso desde os seus primeiros momentos no traballo clandestino, ata o seu exilio en Siberia; as súas accións durante a Guerra Civil e nos debates da década de 1920.
Os mellores estudos modernos sobre a vida de Stalin amosan isto. Foi unha época na que dos movementos europeos, e máis en concreto os rusos, saíron moitos líderes dedicados, brillantes e intelixentes.
Stalin foi un intelixente e dilixentes estudante de Lenin, Marx e Engels, que intentou –e creo que logrou con éxito, construír o socialismo a través das bases que xa estaban asentadas.
Os comunistas de todas as partes do mundo teñen moito que aprender a través do estudo dos triunfos de Stalin, así como tamén dos seus fracasos. Eu diría que temos un longo camiño por percorrer nese aspecto.
FORXA!.- A burguesía, na súa loita ideolóxica contra a clase obreira internacional e contra a Unión Soviética, intentou por todos os medios denigrar a figura histórica de Stalin. No terreo ideolóxico serviuse do arsenal político cedido polo trotskismo, que ata chegou a insinuar que Lenin fose envelenado por orde de Stalin. Como avalía historicamente esta colaboración?
Grover Furr.- Trotsky só plantexou esta acusación na súa biografía inacabada de Stalin de 1939. Non contaba con ningunha proba ou evidencia nova. Polo tanto, podemos concluír que Trotsky creou esta falacia nun momento moi tardío da súa vida.
Grazas ós documentos dos propios arquivos de Trotsky podemos saber que virtualmente todo o que Trotsky dixo sobre Stalin e a URSS durante os anos trinta, e especialmente dende 1935 ata a súa morte era unha mentira completamente deliberada. Por intencionada ou “deliberada” refírome a que podemos probar que Trotsky estaba mentindo conscientemente sobre Stalin e a URSS –expoñendo cousas que non eran certas.
Este é o tema do meu proxecto de investigación na actualidade.
FORXA!.- Canto tempo leva investigando e traballando no seu libro “As mentiras de Khrushchev”? Cales foron as súas fontes? Atopouse con moitos obstáculos á hora de realizar a súa investigación?
Grover Furr.- Encetando nos anos 90 e despois máis rapidamente durante a seguinte década, unha marea de antigos documentos dos arquivos soviéticos comezaron a ser publicados. Eu recollín a maioría de probas contidas en “As mentiras de Khruschev” destas fontes, así como tamén de fontes secundarias e dalgunhas autobiografías. Comecei a investigar ao redor de 2004. Foi publicado en ruso, en Moscú, en 2007.
O meu maior problema foi, e continúa a ser, a publicación. Moi, moi poucas editoriais considerarían libros que non son “anti-Stalin”. Ningunha editorial académica consideraría publicar un libro que puidese ser considerado “pro-Stalin”. Iso tamén acontece coa maioría de editoriais da presunta “esquerda”. É por iso que foi unha gran nova que Edicións Benigno Álvarez publicara “As mentiras de Khrushchev”.
FORXA!.- Como contempla desde a súa perspectiva como historiador o actual período polo que atravesa o capitalismo?
Grover Furr.- O que unha vez fora un movemento comunista realmente poderoso, colapsou. Os capitalistas estanse aproveitando deste feito no ámbito económico, incrementando a explotación da clase obreira tanto como poden.
No plano ideolóxico, os capitalistas cada vez son máis descarados á hora de promover mentiras anticomunistas e incrementar o racismo, o nacionalismo, a relixión e o sexismo para dividir aos obreiros entre si.
O capitalismo e o imperialismo conducen inevitabelmente á guerra e ao fascismo. Podemos ver como sucede isto miremos onde miremos.
Ningunha crise económica destruirá o capitalismo. A nosa única resposta ten que ser reconstruír o movemento comunista internacional.
Para facelo, temos que descubrir que foi o que desencadeou o fracaso e caída do movemento comunista internacional do século XX. Espero poder facer unha contribución a este obxectivo tan vital.
FORXA!.- Ata o momento o seu libro xa foi editado en inglés, ruso, vietnamita, turco e agora sairá en galego, como foi a súa acollida ata o momento?
Grover Furr.- A acollida de “As mentiras de Khrushchev” foi o que esperaba. Comunistas e esquerdistas de todo o mundo recibírono con entusiasmo. Os anticomunistas, por outra banda, ódiano e témeno. Por exemplo, houbo unha campaña constante para eliminar calquera mención sobre o libro na Wikipedia, e incluso para atacarme a min persoalmente.
FORXA!.- Ten en mente novas investigacións? en que está traballando actualmente?
Grover Furr.- Falarei sobre iso brevemente na miña conferencia.
* O meu libro sobre o asasinato de Kirov publicarase en inglés o 1 de xuño de 2013. Nel destaco as implicacións para os Xuízos de Moscova e para comprender o que Trotsky estaba a facer daquela.
* Un artigo meu sobre o presunto “Masacre de Katyn” será publicado ao longo do mes de xullo. Nel sinalo que os descubrimentos recentes proban que a versión oficial de Katyn de que a Unión Soviética asasinou 20.000 prisioneiros polacos (aprox.) na guerra en 1940, é falsa.
* O meu proxecto de investigación actual é un libro sobre o que fixo Trotsky durante o período de 1935 a 1940.
FORXA!.- Por último, profesor Furr, quen escribe a Historia?
Grover Furr.- Tal e como Marx e Engels afirmaron: a clase obreira, en masa, fai historia. A loita dos explotados ao longo da historia desencadeou cambios históricos progresivos, e continúa a ser así. Grazas a estas loitas, algunhas persoas son capaces de estudar a historia desas loitas. É unha gran responsabilidade. Espero poder contribuír a ese fin.
[Nota de FORXA!: Ao longo da entrevista, o profesor Furr refírese en varias ocasións ao seu libro “Khrushchev Lied” (“Khrushev Mentíu”), que nós traducimos por “As mentiras de Khrushchev porque é o título da edición galega do seu libro]
- Na tradución do inglés ao galego desta entrevista, colaborou con FORXA! Laura Fdez. Bellón, que vai ser a intérprete no Ciclo de conferencias con Grover Furr

No hay comentarios:

Publicar un comentario