"A nosa única resposta ten que ser reconstruír o Movemento Comunista Internacional" [Grover Furr].
Con motivo do Ciclo de conferencias con Grover Furr (profesor da Montclair State University –Nova Jersey-), baixo o título “A falsificación histórica contra o Movemento Comunista Internacional”,
organizado por FORXA!, que terá lugar en Compostela e Ferrol (22 e 23
de Maio, respectivamente), o historiador norteamericano tivo a
amabilidade de respostar a esta entrevista:
FORXA!.-
Resume nunhas cantas frases cales son, ao teu entender, as causas
económicas, sociais e políticas fundamentais que contribuíron á
contrarrevolución na Unión Soviética.
Grover Furr.-
Na miña opinión, é imposíbel responder a esta pregunta en poucas liñas
sen acabar soando dogmático, xa que non hai cabida para a argumentación e
as probas. Ademais, fun bruscamente atacado por algunhas persoas da
esquerda polos últimos dous parágrafos en “As mentiras de Khrushchev”,
onde me limitei a plantexar algunhas cuestións –preguntas obvias, creo–
para futuras investigacións.
En xuño de 2011 falei sobre este tema. Aquí están as miñas conclusións, que terán que servir como a miña resposta polo momento:
Dende
o meu punto de vista, o fracaso do socialismo no século XX NON foi
debido a fracasos persoais de líderes como Lenin, Stalin ou Mao
Tsetung. Estes homes, e moitos outros importantes comunistas nestes
movementos, foron xente brillante e dedicada que traballaron toda a súa
vida para construír unha sociedade comunista de xustiza e igualdade.
Pensaron que poderían facer isto simplemente construíndo o “socialismo”
primeiro.
E
iso mesmo foi o que fixeron –construír e liderar sociedades socialistas
tal e como eles as entendían. Estas sociedades acabaron desembocando no
capitalismo explotador. Mais iso non foi por mor de que Lenin, Stalin,
Mao e outros fosen imbéciles, ignorantes, corruptos, “criminais” ou
“estar famentos de poder”. Eles foron as mellores persoas no mundo e
guiaron o mais grande movemento de liberación na historia da humanidade.
A
reversión ao capitalismo tivo lugar porque o “socialismo” contiña, en si
mesmo, as sementes da súa propia destrución. O socialismo preserva
demasiados aspectos do capitalismo explotador, tales como:
- Privilexios duns poucos a costa de outros.
- Diferenza salarial.
- A contradición entre o traballo psíquico e o traballo manual, e a tendencia a premiar ao primeiro máis que ao segundo.
- As contradicións entre a cidade e o campo.
- As relacións de produción capitalistas.
Todas estas contradicións citadas medraron, ou foron deliberadamente promovidas, dentro do mesmo Partido Comunista.
É
evidente que o comunismo a gran escala, coa idea de explotación de
clases e desigualdade, non terá lugar ata que todos os vestixios do
capitalismo sexan borrados da face da terra. Fará falta, para iso, toda
unha era histórica.
Aínda
así, nunca chegará a acontecer de todo a menos que o concepto de
socialismo sexa radicalmente modificado. Se non se modifica, entón as
futuras revolucións estarán condenadas a repetir os erros das
revolucións do pasado. Isto non só sería tráxico, senón tamén criminal
–significaría que a nosa xeración de comunistas negouse a aprender as
leccións dos nosos ancestros.
Considero
que está claro que o mantemento da desigualdade e a súa perdurabilidade
e crecemento a través dos mecanismos de mercado -o diñeiro- foi a
principal causa da reversión do socialismo ao capitalismo. Tras futuras
revolucións, a desigualdade e o diñeiro deberían de ser suprimidas. O
principio de “a cada quen segundo as súas necesidades” debería de ser
instaurado de inmediato.
Algúns
obxectarán que isto diminuirá os incentivos para que a xente se esforce
e traballe máis. Pero recordade a alternativa: o retorno ao
capitalismo.
No
referente a cómo denominar a esta primeira fase do comunismo tras a
revolución: eu recomendaría abandonar o termo “socialismo”. Marx nunca o
utilizou. O seu uso xurdiu dos partidos social-demócratas, dos cales
veñen os Bolxeviques. Marx referíase á “primeira etapa do comunismo”.
Polo tanto, poderíamoslle chamar así. O comunismo –un mundo de igualdade
e solidariedade, no que todos son traballadores e ninguén vive
explotado– é a antiga meta das clases traballadoras. É un bo nome. Así
que eu propoño cambiar “socialismo” polo “escalón máis baixo” ou “etapa
primeira” do comunismo.
Conclúo que temos que rexeitar o que o comunismo do século XX chamou “socialismo”.
Recordade: Marx e Engels non redactaron o “Manifesto Socialista”. O comunismo é o noso fin último.
O
“socialismo” foi só válido no momento no que foi necesario como
trampolín cara o comunismo. Pero nunca chegou a selo. Non porque non se
intentase, ou porque “Stalin” ou “Mao o entendese mal”, porque NON o
entenderon mal.
O socialismo tivo a súa oportunidade. Non funcionou. Non levou cara o comunismo.
Entón,
cara a onde imos agora? Precisamos un estudo marxista – comunista
marxista- para o entendemento do movemento comunista do século XX.
Mais
existe un grave obstáculo. Descubrín que existe moi pouca confianza no
marxista-leninismo entre os marxistas-leninistas que o profesan. Saco
esa conclusión debido á volta constante á confianza cega e acrítica
nunha ou noutra das grandes figuras da historia do comunismo: Mao,
Trotsky, Lenin, Marx e agora tamén Stalin.
Moi
a miúdo, a defensa do Marxismo-Leninismo responde a un “culto”, ou
aceptación incondicional, dun ou outro, ou varios, destes líderes:
Lenin, Stalin, Mao, Trotsky.
É
máis: intenta atopar a alguén da esquerda que teña algunha crítica de
Marx. Hai criticas de dereitas, revisionistas ou antirrevolucionarias en
todas partes. Hai tamén anarquistas que abandonan o Marxismo
completamente.
Pero
hai unha escaseza de críticas marxistas e da esquerda sobre o movemento
comunista do século XX que non se centren en (a) personalidades ou (b) o
determinismo das forzas produtivas.
Finalmente, existe un tipo de “culto” dos propios escritos clásicos do Marxismo-Leninismo.
A
idea de non saber o porqué do fracaso dos magníficos movementos
comunistas do século XX é aterrador para moitos de nós da esquerda.
Pero o feito é: Non o sabemos!
É
absurdo, a priori, pensar que calquera persoa, por grandiosa que sexa –
Marx, Lenin, Trotsky, Stalin, Mao, Hoxha, quen sexa – podería ter sabido
cómo construír o comunismo a partir das sociedades tal e como eran
naquel momento da historia.
Como ían saber todo isto antes de que acontecese?
Que
é o que lle pasou á ciencia? Ao materialismo dialéctico e histórico?
Que é o que lle pasou ao Marxismo-Leninismo como método, non só un
conxunto de respostas? Un método aplicado a feitos históricos
corroborados?
O
lema favorito de Marx era: “De omnibus dubitandum” - “Dubida de todo”.
Iso é o que temos que facer. Necesitamos: un estudo comunista,
materialista-dialéctico do movemento comunista no século XX, baseado en
feitos sólidos, que ansíe criticar todo, non mentiras anticomunistas e
trotskistas.
Ese
foi o meu obxectivo informando no meu estudo da Unión Soviética durante
a época de Stalin. Estas son as miñas conclusións máis importantes.
FORXA!.-
No actual contexto de crise capitalista internacional, que
significación consideras que ten para o Movemento Comunista
Internacional actual a figura histórica de Iosif Stalin?
Grover Furr.-
Os ataques e as mentiras sobre Stalin e a Unión Soviética durante o
periodo do seu liderazgo son a principal arma ideolóxica contra a
formación dun novo movemento comunista internacional. Axudándose das
mentiras contra Stalin e a URSS, os anticomunistas están a dicir
esencialmente que entre o comunismo e o fascismo non hai diferenza
algunha, así como tamén que calquera movemento comunista debe ser detido
a calquera prezo. Están pregoando que non hai ningunha alternativa
comunista; que o capitalismo é “o mellor mundo posíbel”.
Esta é a “gran mentira” -a maior mentira da historia mundial.
FORXA.- Que nos podes comentar sobre o chamado testamento de Lenin? pode realmente atribuírselle a súa autoría?
Grover Furr.- Aquí expoño algúns puntos:
* Este título é completamente enganoso. En realidade Lenin non deixou ningún “testamento”. Deixou algunhas notas e apuntamentos.
*
Só os trotkistas, Khrushchev e a dirección soviética posterior á súa
época, xunto con anticomunistas, atribúen unha especial importancia aos
documentos.
*
Algúns ou todos eles poden ser parcialmente ou na súa totalidade unha
falacia, aínda que todos naquel intre, Stalin incluído, crían que eran
lexítimos.
* Eles non demostran, como moitos aseguran, que Lenin perdera toda confianza en Stalin.
* Se son auténticos, Lenin non estaba no certo. Lenin estaba moi enfermo nese momento e un tanto distanciado da política.
Teño unha extensa sección sobre isto no libro “As mentiras de Khrushchev”
FORXA!.- Que aspectos positivos destacarías da vida e a obra de Iosif Stalin?
Grover Furr.-
Stalin era un comunista incribelmente dedicado, intelixente,
traballador e talentoso desde os seus primeiros momentos no traballo
clandestino, ata o seu exilio en Siberia; as súas accións durante a
Guerra Civil e nos debates da década de 1920.
Os
mellores estudos modernos sobre a vida de Stalin amosan isto. Foi unha
época na que dos movementos europeos, e máis en concreto os rusos,
saíron moitos líderes dedicados, brillantes e intelixentes.
Stalin
foi un intelixente e dilixentes estudante de Lenin, Marx e Engels, que
intentou –e creo que logrou con éxito, construír o socialismo a través
das bases que xa estaban asentadas.
Os
comunistas de todas as partes do mundo teñen moito que aprender a través
do estudo dos triunfos de Stalin, así como tamén dos seus fracasos. Eu
diría que temos un longo camiño por percorrer nese aspecto.
FORXA!.-
A burguesía, na súa loita ideolóxica contra a clase obreira
internacional e contra a Unión Soviética, intentou por todos os medios
denigrar a figura histórica de Stalin. No terreo ideolóxico serviuse do
arsenal político cedido polo trotskismo, que ata chegou a insinuar que
Lenin fose envelenado por orde de Stalin. Como avalía historicamente
esta colaboración?
Grover Furr.-
Trotsky só plantexou esta acusación na súa biografía inacabada de
Stalin de 1939. Non contaba con ningunha proba ou evidencia nova. Polo
tanto, podemos concluír que Trotsky creou esta falacia nun momento moi
tardío da súa vida.
Grazas
ós documentos dos propios arquivos de Trotsky podemos saber que
virtualmente todo o que Trotsky dixo sobre Stalin e a URSS durante os
anos trinta, e especialmente dende 1935 ata a súa morte era unha mentira
completamente deliberada. Por intencionada ou “deliberada” refírome a
que podemos probar que Trotsky estaba mentindo conscientemente sobre
Stalin e a URSS –expoñendo cousas que non eran certas.
Este é o tema do meu proxecto de investigación na actualidade.
FORXA!.-
Canto tempo leva investigando e traballando no seu libro “As mentiras
de Khrushchev”? Cales foron as súas fontes? Atopouse con moitos
obstáculos á hora de realizar a súa investigación?
Grover Furr.-
Encetando nos anos 90 e despois máis rapidamente durante a seguinte
década, unha marea de antigos documentos dos arquivos soviéticos
comezaron a ser publicados. Eu recollín a maioría de probas contidas en
“As mentiras de Khruschev” destas fontes, así como tamén de fontes
secundarias e dalgunhas autobiografías. Comecei a investigar ao redor de
2004. Foi publicado en ruso, en Moscú, en 2007.
O
meu maior problema foi, e continúa a ser, a publicación. Moi, moi poucas
editoriais considerarían libros que non son “anti-Stalin”. Ningunha
editorial académica consideraría publicar un libro que puidese ser
considerado “pro-Stalin”. Iso tamén acontece coa maioría de editoriais
da presunta “esquerda”. É por iso que foi unha gran nova que Edicións
Benigno Álvarez publicara “As mentiras de Khrushchev”.
FORXA!.- Como contempla desde a súa perspectiva como historiador o actual período polo que atravesa o capitalismo?
Grover Furr.-
O que unha vez fora un movemento comunista realmente poderoso,
colapsou. Os capitalistas estanse aproveitando deste feito no ámbito
económico, incrementando a explotación da clase obreira tanto como
poden.
No
plano ideolóxico, os capitalistas cada vez son máis descarados á hora de
promover mentiras anticomunistas e incrementar o racismo, o
nacionalismo, a relixión e o sexismo para dividir aos obreiros entre si.
O
capitalismo e o imperialismo conducen inevitabelmente á guerra e ao
fascismo. Podemos ver como sucede isto miremos onde miremos.
Ningunha
crise económica destruirá o capitalismo. A nosa única resposta ten que
ser reconstruír o movemento comunista internacional.
Para
facelo, temos que descubrir que foi o que desencadeou o fracaso e caída
do movemento comunista internacional do século XX. Espero poder facer
unha contribución a este obxectivo tan vital.
FORXA!.-
Ata o momento o seu libro xa foi editado en inglés, ruso, vietnamita,
turco e agora sairá en galego, como foi a súa acollida ata o momento?
Grover Furr.-
A acollida de “As mentiras de Khrushchev” foi o que esperaba.
Comunistas e esquerdistas de todo o mundo recibírono con entusiasmo. Os
anticomunistas, por outra banda, ódiano e témeno. Por exemplo, houbo
unha campaña constante para eliminar calquera mención sobre o libro na
Wikipedia, e incluso para atacarme a min persoalmente.
FORXA!.- Ten en mente novas investigacións? en que está traballando actualmente?
* O
meu libro sobre o asasinato de Kirov publicarase en inglés o 1 de xuño
de 2013. Nel destaco as implicacións para os Xuízos de Moscova e para
comprender o que Trotsky estaba a facer daquela.
*
Un artigo meu sobre o presunto “Masacre de Katyn” será publicado ao
longo do mes de xullo. Nel sinalo que os descubrimentos recentes proban
que a versión oficial de Katyn de que a Unión Soviética asasinou 20.000
prisioneiros polacos (aprox.) na guerra en 1940, é falsa.
* O meu proxecto de investigación actual é un libro sobre o que fixo Trotsky durante o período de 1935 a 1940.
FORXA!.- Por último, profesor Furr, quen escribe a Historia?
Grover Furr.-
Tal e como Marx e Engels afirmaron: a clase obreira, en masa, fai
historia. A loita dos explotados ao longo da historia desencadeou
cambios históricos progresivos, e continúa a ser así. Grazas a estas
loitas, algunhas persoas son capaces de estudar a historia desas loitas.
É unha gran responsabilidade. Espero poder contribuír a ese fin.
[Nota
de FORXA!: Ao longo da entrevista, o profesor Furr refírese en varias
ocasións ao seu libro “Khrushchev Lied” (“Khrushev Mentíu”), que nós
traducimos por “As mentiras de Khrushchev porque é o título da edición
galega do seu libro]
No hay comentarios:
Publicar un comentario