A presente declaración do CML Forxa nos foi remitido polos camaradas de correovermello@yahoo.es
Contra a guerra, Revolución!
Guerra, e máis guerra imperialista. O capitalismo en crise sistémica ten que botar man doutro episodio mais de destrución e crime xenocida para garantir a espoliación de recursos e a dominación xeopolítica sobre unha rexión do mundo que cobiza.
Alén do Iraq e o Medio Oriente, Afganistan e o Asia Central, tócalle agora a Libia e por extensión ao Magreb, sufrir a agresión invasora coa dobre pretensión de facerse coas súas reservas petroleiras sen intermediarios, e dispor dunha base para controlar e intervir de darse o caso, fronte aos procesos revolucionarios democráticos en curso protagonizados polos pobos árabes.
Os seguintes poderían ser o Irán, Corea do Norte, Venezuela, Cuba… A guerra imperialista é fundamental para o capitalismo declinante desta época, para recuperar os xa escasos folgos, buscar e espremer fontes enerxéticas e de materias primas, arrasar medios de produción como medio de reconquista económica, nunha loita voraz entre as camadas de voitres imperiais dominantes e aspirantes, ao tempo que tentarán dominar a vaga de rebelións e insurxencias que se están a dar, e se estenderán, tarde ou cedo, a todos os recunchos do planeta.
Porque isto é antítese das guerras do capital, e a oposición consecuente contra as mesmas. Rebelarse como o están a facer a Clase Obreira tunesina, o Proletariado exipcio, os pobos traballadores do Iemen, de Bahrein, etc. Non só derrocando aos sátrapas das oligarquías dominantes, senón mesmo impedindo o seu recambio con monicreques ao gusto de Washington, Londres ou París, de arribistas como ElBarahdei ou Mustafa Abd al-Jalil. Os pobos árabes estanos a dar unha lección de carraxe e dignidade.
A mellor solidariedade internacionalista para con eles é seguir o seu camiño. Na Galiza da Europa imperialista, os traballadores soportamos con indignación a ofensiva capitalista de desmantelamento das conquistas obreiras de décadas, coa complicidade dunha dirixencia sindical maioritaria entregada aos pés da gran burguesía financeira continental. A perspectiva é a que xa estamos a vivir, unha profunda e duradeira recesión cun elevadísimo desemprego estrutural, retroceso brutal do nivel de vida até límites de pobreza, e incremento e extensión en todos os ámbitos da superexplotación polo desregulamento legal e das relacións laborais.
Até cando poderemos soportar mais a degradación das nosas condicións de vida e de traballo? Agardaremos o recambio político que nos prepara a democracia borbónica e os pasos seguintes planeados polos oligarcas financeiros, en materias de pagamento sanitario, privatizacións, salarios? Quizais a que nos metan en mais guerras imperialistas que deberemos pagar nós?
A nosa loita está aquí, contra a nosa burguesía e a entente imperialista da que forma parte, co exemplo dos pobos árabes, a unidade de clase como base e un sólido bloque de unidade popular como ferramenta. Debemos trocar as súas guerras por revolución en Europa.
CONTRA A GUERRA IMPERIALISTA,
ADIANTE A REVOLUCION SOCIALISTA MUNDIAL!!!
Colectivo Marxista-Leninista Forxa!
Galiza, 23 de abril de 2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario