viernes, 13 de enero de 2012

Cosendo para Zara: 178 euros por 65 horas á semana


 

A campaña "Roupa Limpa", coordinada en Galicia por Amarante Setem, presenta hoxe a investigación "A moda española en Tánxer: traballo e supervivencia das obreiras da confección". Inditex, o grupo baseado en Arteixo, é unha das empresas máis avaliadas no documento, que detalla as "condicións de vida e traballo precarias" das traballadoras. Nalgúns casos, os talleres empregan menores que esconden en bolsas cando chegan os inspectores.

Por Galicia Confidencial | | 12/01/2012

O informe descobre "as duras condicións das obreiras de confección marroquís: exceso de horas de traballo, baixos salarios, abusos verbais e físicos, arbitrariedade na contratación e o despedimento, medidas disciplinarias desproporcionadas e obstáculos á acción sindical".
Inditex
En Marrocos, hai unha forte presenza de talleres provedores de Inditex; en concreto das marcas Zara, Bershka, Pull&Bear, Stradivarius, Oysho e Massimo Dutti. A maiorí­a das obreiras entrevistadas que traballan confeccionando a roupa destas marcas manifestan que "non se respecta o lí­mite de horas, chegando ata 65 horas semanais". Aí­nda que en xeral o salario chega ao Salario Mí­nimo Interprofesional Garantido (SMIG) de Marrocos, apenas 178,72 euros mensuais, seguen vivindo en situación de pobreza.
No conxunto do sector, as horas extras son obrigatorias e non se adoitan remunerar. Prolongan a xornada ata as 12 horas diarias, seis dí­as á semana por salarios que non superan os 200 euros mensuais, e que, en ocasións, están por baixo dos 100 euros ao mes.
Outras marcas
Moitos dos talleres provedores de Inditex traballan tamén para Mango. Amarante denuncia que a obreiras das fábricas provedoras de Mango tamén revelan que nos seus centros de traballo non se respecta o lí­mite de horas, realizando ata 65 horas semanais. Tamén se recolleron testemuños de traballadoras de talleres provedores de Mayoral, El Corte Inglés e Dolce&Gabanna con condicións laborais parecidas.
A deslocalización da confección en paí­ses como Marrocos permitiu ampliar os beneficios das grandes marcas téxtiles. En Galicia a penas quedan talleres de confección, que foron claves no despegue de marcas como Zara.
Segundo o autor do informe, Albert Sales, estas empresas teñen na súa man a capacidade, tanto de xerar situacións de explotación laboral, como de evitalas. Moitas asumiron códigos de conduta e compromisos, pero a pesar destas "medidas de Responsabilidade Social Empresarial", moitas traballadoras seguen vivindo situacións de pobreza á vez que cumpren cunha xornada laboral extremadamente longa.
Trucos para zafar das auditorías das empresas compradoras
Os códigos de conduta laborais adoptados polas empresas de moda, recollen a obrigatoriedade de pasar auditorí­as nos talleres. Pero as metodoloxí­as de auditorí­a son moi diversas e en moitas ocasións non se chegan a identificar os problemas laborais reais. A ONG explica que isto pasa porque cando hai auditoría, as fábricas realizan cambios temporais como dar de alta a traballadoras na seguridade social, incrementar a salubridade no espazo de traballo, cumprir os horarios laborais, despedir ás traballadoras sen contrato e ocultar ás traballadoras menores.
Unha traballadora dunha fábrica provedora dunha gran empresa téxtil aseguraba que "cando aparecen auditores por sorpresa, os supervisores esconden ás traballadoras menores na azotea ou en caixas de roupa baleiras".
Esta investigación realizouse con 118 obreiras, coa colaboración da Asociación Attawassol.

No hay comentarios: