Diante das decisións emanadas do Parlament de Catalunya e a resposta do Goberno español, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar:
- O Bloque Nacionalista Galego, recoñece a lexitimidade democrática
das decisións e acordos tomados no día de hoxe no Parlament de
Catalunya, espazo da representación política soberana dese pobo, que ven
de proclamar a República Catalá seguindo o mandato popular xurdido do
referendo de autodeterminación do pasado 1 de outubro.
- Rexeitamos a aplicación do artigo 155 da Constitución española que
ven de aprobar o Senado e comezou a executar o Consello de Ministros
esta mesma noite. A decisión de intervir o goberno catalán é un profundo
erro, sen precedentes e con gravísimas consecuencias no presente e o
futuro. Un auténtico golpe de estado á Democracia e aboca a unha crise
institucional e política sen precedentes.
- Vense de institucionalizar e formalizar os pasos xa anunciados –nun
feito incompatíbel cunha Democracia- por parte de Felipe VI. Comeza un
proceso que terá importantes consecuencias políticas, e que amosa, máis
ás claras, a situación de involución democrática que estamos a atravesar
nestes momentos e que non só afecta á negativa do Estado español de
recoñecer o carácter nacional de Cataluña, Euskadi e Galiza e o seu
lexítimo e inalienábel dereito á autodeterminación, senón que vai nunha
clara dirección de retroceso e recentralización e perda de dereitos e
liberdades básicas nunha democracia como o son a liberdade de expresión,
a liberdade de reunión e manifestación, de conciencia ou de
participación política.
- A resposta do estado español é a evidencia de que o pobo galego non
ten cabida neste marco político e é a demostración de que Galiza
precisa da superación do mesmo para a súa supervivencia política e
material. Máis aínda cun presidente como Alberto Núñez Feixoo que exerce
máis de delegado do Goberno ou recadeiro do Partido Popular ca de
presidente de Galiza e que ao tempo que actúa ao ditado submiso de
Madrid é xordo e cego ante os problemas do noso país e a necesidade de
decirdir por nós propios.
- O Estado español debe recoñecer a vontade maioritaria do pobo catalán e os dereitos que lle son inherentes ao resto de nacións do estado. Mentras non se recoñezan os dereitos das nacións a poder decidir e exercer o seu lexítimo dereito de autodeterminación, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase. Nese sentido, desde o Bloque Nacionalista Galego seguiremos a traballar para que Galiza acabe conquistando a plena capacidade de decidir exercendo a súa soberanía como nación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario