jueves, 14 de junio de 2018

GALIZA: Contra a mina de Touro-O Pino: Unha loita global contra o capital. Un artigo do compañeiro Adolfo Naya en Praza Pública.

Contra a mina de Touro-O Pino: Unha loita global contra o capital.

Adolfo Naya*

Mentres as rúas de Compostela se enchen de dignidade, mostrando o carácter combativo do pobo traballador galego na loita contra a mina de Touro-O Pino e as multinacionais mineiras -como xa demostraramos na loita contra a mina de Corcoesto-, en moitas partes do mundo os pobos tamén están loitando contra estas multinacionais asasinas. É unha loita que forma parte inseparable do combate a escala mundial polo dereito dos pobos sobre os seus propios recursos, a súa auga, os seus bosques e a súa terra.
En moitas partes do mundo os pobos tamén están loitando contra estas multinacionais asasinas. É unha loita que forma parte inseparable do combate a escala mundial polo dereito dos pobos sobre os seus propios recursos, a súa auga, os seus bosques e a súa terra
O día 22 de maio, cando se presentaba a manifestación de Compostela, no Estado Tamil Nadu (India) a policía mataba a 13 persoas e fería a máis de 80. Manifestábanse contra a mina de cobre e a unidade de fundición máis grande da India, que pretendía explotar a empresa Starlite Copper, filial da multinacional británica Vedanta Corporation en Thoothukudi. Despois destas últimas manifestacións, o proxecto foi paralizado, logo dunha loita de 20 anos.
Nas áreas selváticas da India onde as comunidades Adivasis son ampla maioría, o Goberno está levando acabo unha guerra contra o seu pobo baixo a chamada Operación “Caceria Verde”. Esta práctica xenocida está a ser empregada, entre outros obxectivos, para acelerar o desenvolvemento de proxectos de megamineiría de grandes multinacionais.
O antropólogo indio Felix Padel (2006) expón que en certos Estados da India estase producindo un “xenocidio cultural” debido ao desprazamento obrigado das comunidades  Adivasis, así como á extrema violencia empregada polo Estado para combater á guerrilla naxalita -integrada maioritariamente por comunidades Adivasis e Dalits-, co obxectivo de  poder explotar os recursos mineiros que se atopan nestas zonas.
Este antropólogo analiza a estrutura social das comunidades Adivasis empregando os dominios clásicos en antropoloxía -como o sistema de valores, o sistema de parentesco, organización política, educación e economía-, para corroborar que estase producindo un “xenocidio cultural”. Chama a atención sobre o feito de que a confiscación repentina das terras onde viviron os seus antepasados produciu o colapso das comunidades. Xa non son capaces de producir os seus propios alimentos, e os seus integrantes son obrigados a gañarse a vida a través de degradantes e esgotadores traballos para os mesmos proxectos que destruíron os seus fogares.
Pero malia esta situación, os pobos Adivasis e Dalits están a loitar de forma militante e de maneira organizada contra estas multinacionais, estranxeiras ou domésticas -como Tata, Essar, Jindal, Mittal, Neco, Vedanta, Posco, Salem, TPG, etc.-, para que se respecten os seus dereitos sobre os seus propios recursos, a súa auga, os seus bosques e a súa terra.
A práctica de asasinatos e a violación de dereitos humanos e ambientais é común por parte deste tipo de multinacionais en todo o mundo
A práctica de asasinatos e a violación de dereitos humanos e ambientais é común por parte deste tipo de multinacionais en todo o mundo. Un informe  de Global Witness denunciou que máis de 200 persoas defensoras da terra foran asasinadas só no ano 2016. Esta situación persiste.
No Perú, por exemplo, o 3 de abril deste ano, na comunidade campesiña de Alto Huarca en Espinar (Cusco), manifestantes contra o desaloxo de familias para facer unha vía de acceso a unha mina de cobre da multinacional Glencore foron brutalmente agredidas pola policía, quedando tres delas en estado moi grave. Xa nas protestas do 2012 houbera 3 mortes e máis de 100 feridos, e o alcalde, que apoiou as mobilizacións, estivo preso temporalmente. Os gobernos  peruanos teñen reiteradamente favorecido multinacionais mineiras, repetíndose desastres semellantes aos de Espinar, sen respecto para as comunidades locais, con expropiacións forzosas, envelenando as súas augas e chans con metais pesados ​​tóxicos como o mercurio, cadmio, arsénico e outros, causando numerosas mortes e destruíndo a paisaxe, auga e solo.
A multinacional Suíza Glencore acumula centos de denuncias por vulneración de dereitos humanos e asasinatos de activistas no Perú, Filipinas, Colombia, a República Democrática do Congo e Zambia.
Desta multinacional suíza ven o “sicario” que pretende explotar a mina de Touro-O Pino, un galego chamado Alberto Lavandeira. Lavandeira foi presidente de Río Narcea, a empresa que foi titular dos dereitos mineiros de Corcoesto antes de traspasarllos a Edgewater. Tamén ten unha grande experiencia na R.D. do Congo.
Desta multinacional suíza ven o “sicario” que pretende explotar a mina de Touro-O Pino, un galego chamado Alberto Lavandeira
Baixo a dirección deste “sicario” o capital financeiro internacional pretende aproveitarse das riquezas da nosa terra. Lembremos que Atalaya Minning -a empresa que pretende explotar a mina de Touro-O Pino- está formada por diversos fondos internacionais. Trafigura Beheer BV (22% do capital) e Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (21,9%) son os primeiros accionistas, así como  Majedie Asset Management Ltd (6%), Liberty Metals & Mining Holdings LLC (13,8%) e Orion Mine Finance (14,5%).
Así é como se comportan de verdade estas multinacionais. Aparentemente chegan para contribuír ao “desenvolvemento” dos pobos, tentando crear a clásica estratexia do “divide e venceras”, ofertando uns cantos postos de traballo e explicando que non van a ter problemas medioambientais, que ese é o camiño para o “progreso” da zona. Así pretenden dividir a veciñanza e crear un clima de confrontación entre veciñas e veciños. Tamén tentando criminalizar e desprestixiar -como fixo o “sicario” Lavandeira nunha entrevista na Voz de Galicia do 27 de febreiro deste ano-, para deter a mobilización social, e así garantir, sen oposición, os seus proxectos.
Para iso estas multinacionais dótanse de todo un aparato político, económico e, dependendo do contexto, incluso militar. Empregan, segundo as súas necesidades, alianzas con avogados, medios de comunicación, corpos e forzas da seguridade do Estado ou paramilitares se é necesario. Todo isto amparados polas leis e políticos “amigos”, dispostos a facer de lacaios destas empresas, esquecendo ao seu pobo e a súa terra. A Lei de Depredación aprobada pola Xunta de Galiza é un bo exemplo do carácter cómplice e servil destes políticos.
Dende a súa chegada ao goberno da Xunta, Feijoo tratou por todos os medios que os seus amigos capitalistas se fixeran con terras, minas, contratos, arrendamentos e oportunidades de negocio
Dende a súa chegada ao goberno da Xunta, Feijoo tratou por todos os medios que os seus amigos capitalistas se fixeran con terras, minas, contratos, arrendamentos e oportunidades de negocio. O proxecto da mina de Touro-O Pino tense que ver á luz desta realidade. A vida social do pobo quedará negativamente afectada, o equilibrio medioambiental, a vida económica, o modo de vida, a vida cultural e a composición social, todo resultará destruído. Ás clases dirixentes e explotadoras no lles interesa o máis mínimo a nosa vida. So buscan  os seus beneficios.
Pero a resistencia percorre o mundo, para demóstralles ás clases explotadoras que as clases e pobos oprimidos non estamos dispostas a seguir cun sistema capitalista xenocida, que só coñece a morte e a destrución.

*Antropologo social e sindicalista.

No hay comentarios: