lunes, 6 de noviembre de 2017

GALIZA: Declaración do C.C. do Partido Comunista-maoísta da Galiza co motivo do Centenario da Grande Revolución Socialista de Outubro.




Cen anos de revolución proletaria.

Este 7 de novembro celebramos con xúbilo o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro.
Os disparos do cruceiro Aurora foron un raio de esperanza para as masas oprimidas, non so de Rusia, senón tamén do mundo, cambiando definitivamente a historia, abrindo definitivamente a nova era da Revolución Proletaria Mundial.

En palabras do Presidente Mao: “As salvas dos canóns da Revolución de Outubro trouxeran o marxismo-leninismo até a China. Entón a Revolución chinesa gañou unha nova fisionomía. (...). “Os fusís dos bolcheviques criaran o socialismo na Rusia”.

Lenin e os seus camaradas do partido Bolchevique realizaron no imperio zarista o soño de Marx e Engels, instaurando o primeiro Estado da Ditadura do Proletariado, nun país atrasado e semifeudal, de inmensas dimensións e berce de múltiples pobos. Os bolcheviques guiados polo grande Lenin e os seus camaradas de armas, coa actuación decisiva das masas proletarias, campesiñas, mariñeiros revolucionarios e a garda vermella desaloxaron definitivamente ao goberno provisional burgués de Kerenski, proclamando a República soviética e nomeando un goberno de Comisarios do Pobo presidido polo camarada Lenin.

Non foi unha tarefa sinxela nin pacifica. Foi sanguenta e dolorosa como son as revolucións, como ben sinalaron o camarada Lenin e o Presidente Mao. A intervención das potencias imperialistas unidas contra a nova República soviética, en apoio dos gardas brancos de Denikin e do almirante zarista Kolchak, deu orixe a unha guerra civil que non será definitivamente gañada ata 1921.

A vitoria do exército vermello, guiado por heroicos xefes como Frunze, Budionni, ou comisarios como Chapaeiv ou Furmanov esmagaron ás forzas contra-revolucionarias, co apoio das masas obreiras e campesiñas, en torno á firme liña trazada por Lenin da alianza obreiro-campesiña do goberno dos Comisarios do Pobo. Sen ese apoio das masas nada se houbera conseguido.

A mesma Ditadura do Proletariado que baixo a xusta dirección do camarada Stalin logrou, grazas á economía planificada socialista, converter o vasto territorio soviético, nunha superpotencia capaz de enfrontar a agresión da primeira potencia imperialista mundial, a Alemaña nazi, en xullo de 1941.
A URSS, berce e sede tamén da Internacional Comunista (IC) fundada por Lenin que expandiu por todo o mundo o marxismo-leninismo e impulsou a creación dos partidos comunistas.

A Gran Revolución Socialista de Outubro, é patrimonio de toda a humanidade oprimida e en particular dos auténticos comunistas que hoxe enarboran as tres bandeiras vermellas do M-L-M. e da guerra popular.
Nos hoxe, mulleres e homes de Galiza, comunistas, traballamos para a construción do Partido Comunista-maoísta de Galiza seguindo a senda luminosa da Gran Revolución Socialista de Outubro, estudando e aplicando o mlm ás condicións concretas da nosa sociedade, á vez que activamente traballamos a fronte internacionalista da solidariedade e apoio ás guerras populares, vangarda da Revolución Proletaria Mundial, que se desenvolven na actualidade en diversos países do mundo, Perú, Filipinas, Turquía e en particular na India, onde o Partido Comunista de la India (maoísta) e o EGPL libran unha guerra popular prolongada que este ano cumpriu 50 anos dende o seu inicio en Naxalbari.

Estes cen anos da historia da Revolución Proletaria Mundial están cheos de avances e retrocesos e de múltiples contradicións que levaron a definir unha nova etapa no pensamento proletario; o maoísmo, que sinalou a liña xeral para combater a restauración revisionista, as súas causas e a necesidade de continuar ata o fin a Revolución baixo as condicións da Ditadura do Proletariado, con Revolucións Culturais, tomando como chave, como sinalara o Presidente Mao, a loita de clases e a loita de dúas liñas.

Estas e outras valiosas ensinanzas foron aplicadas de forma creativa ás condicións de cada país por inesquecibles camaradas como Charu Mazumdar na India, Ibrahim Karpakaya en Turquía, o camarada JM Sisón nas Filipinas, o camarada Pol Pot en Kampuchea e máis recentemente polo Presidente Gonzalo no Perú. Desenvolvendo guerras populares e armando ás masas para a súa liberación erguendo unha nova onda de revolucións guiadas polo proletariado revolucionario.

Onda revolucionaria que baixo as vermellas bandeiras da Comuna de París, a Gran Revolución Socialista de Outubro, a Revolución de Nova Democracia na China, a Gran Revolución Cultural Proletaria, a Guerra Popular no Perú e en Naxalbari prosegue en Guerra Popular ata o comunismo.

¡Viva a  Grande Revolución Socialista de Outubro, luminoso camiño de liberación dos oprimidos do mundo!

Galiza 7 de novembro do 2017

Comité de Construcion do Partido Comunista-maoísta da Galiza.

No hay comentarios: