sábado, 14 de mayo de 2011

Galiza: Comunicado do Colectivo Marxista-Leninista Forxa!

DIANTE DAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO


"Os comunistas non teñen por que gardar encubertas as súas ideas e intencións. Abertamente declaran que os seus obxectivos só poden acadarse derrocando pola violencia todo a orde social existente".
Marx e Engels, O Manifesto Comunista


Diante das vindeiras eleccións locais que terán lugar na Galiza vemos con agrado o traballo colectivo que diferentes organizacións do campo popular, así como persoas a título individual, realizaron para lograren artellar candidaturas electorais.
Valoramos positivamente a capacidade destas organización por faceren traballo en común, afastando toda pezoña sectaria, nun momento en que a unidade é máis necesaria, se cabe, que nunca.

Emporiso, entendemos que o eixe de acción das organizacións revolucionarias radica na axitación, formación e organización do proletariado, no camiño dun aumento, cuantitativo e cualitativo, das mobilizacións, da loita contra o inimigo de clase. Nestas tarefas o combate ideolóxico contra o reformismo dentro do movemento obreiro é de vital importancia. Cómpre poñermos todos os nosos esforzos en facer comprender ás masas populares que dentro do sistema capitalista non hai lugar para as melloras nas condicións de vida. Arrincarmos de raíz as vellas ideas reformistas de mellora dentro do sistema que eivan o movemento obreiro é tarefa tan dura como necesaria. Por iso a loita ideolóxica, tan deostada polos oportunistas, ten que ocupar un lugar de cabeceira.
E aquí está o perigo de participar en calquera proceso electoral das institucións burguesas. De non termos claro un obxectivo concreto, apoiado por un traballo previo da unión de forzas populares, e na dirección do medre da consciencia política e da capacidade organizativa do proletariado, o feito de concorrer a estes procesos electorais tan só vai valer para,
primeiro, despistar e confundir ao sector máis consciente do campo popular, creando en van esperanzas que se quebran diante da realidade do día a día da explotación e empeoramento das condicións de vida. E, segundo, distraer ás organizacións revolucionarias dos necesarios obxectivos de traballo antes sinalados.
Aínda máis, nalgúns casos, a retórica de participación electoral abraza directamente o discurso máis rabiosamente revisionista. Agora, cando é máis evidente que nunca a necesidade de ollar para os centros de traballo, de loitar pola hexemonía proletaria no campo da oposición popular, cando a verborrea pequenoburguesa xa a poucos engana, volven izar as bandeiras do municipalismo, cidadanismo, movementos sociais, e un longo etcétera de consignas que tan só axudan a lexitimar as institucións burguesas.
En troca, nós entendemos que os problemas reais e diarios das clases traballadoras só poden ten resposta na organización, formación e mobilización, e sempre enmarcada esta loita na derrota do capitalismo a través da revolución socialista.

Mais estamos diante dunhas eleccións locais, dirán algúns. O socialismo está moi ben, mais iso é algo a longo prazo, traballemos agora por cousas pequenas, engadirán outros. Nós dicimos que este pensamento conduce inevitabelmente á seguir o xogo marcado polos capitalistas, a seguir a súa estratexia que conduce á perpetuación deste sistema explotador. Por suposto que as conquistas parciais na mellora das condicións de vida das masas populares teñen que ser tamén o noso obxectivo. Mais o combate por estas conquistas debe estar sempre ligado ao combate pola toma do poder da clase obreira, polo derrocamento do capitalismo e o triunfo do socialismo.

Nesta batalla a unidade é fundamental. Mais unha unidade ampla, que abranga a todas as forzas do campo popular. Sen dogmatismos nesta unidade e sen tolerancia coas forzas reformistas que buscarán facer o seu histórico traballo de lastres para o movemento obreiro.

E remarcamos o de unidade ampla, xa que, sendo esta unha crise de carácter mundial, estando dirixidas as medidas encamiñadas a redobrar a explotación sobre as clases traballadoras por organizacións capitalistas internacionais (FMI, BM, EU,...) e a seren os gobernantes que ocupan parlamentos e institucións estatais, nacionais ou locais simples monicreques ao servizo dos primeiros, cometeríamos un grave exercicio de miopía política de cinguirmos esta unidade ao campo soberanista/independentista.

Inda máis, a loita non podemos reducila ao marco estritamente nacional. A coordinación a nivel europeo, e tamén mundial, das forzas revolucionarias é unha necesidade. Só desde un enfoque deste tipo poderá a clase obreira combater o poder dos cada día máis desenvolvidos monopolios e trusts, só así seremos quen de construírmos as condicións subxectivas para o triunfo da revolución.

A situación de crise estrutural do capitalismo está a provocar diferentes crises políticas. Sucédense revoltas populares que case ninguén albiscaba. Todo indica que, por mor da fraxilidade do sistema capitalista e tamén pola intensificación das contradicións interimperialistas, a situación está abonada para grandes cambios. A intensificación dos antagonismos de clase vai acompañar ao máis que previsíbel aumento das medidas autoritarias dos capitalistas. E neste contexto é fundamental que a clase obreira se organice, que se prepare para a batalla a morte contra a burguesía.

Unidas á clase obreira deben de estar o resto das clases traballadoras, formando un grande bloque obreiro-popular, capaz de facer retroceder aos capitalistas. E na construción deste bloque obreiro-popular, que require traballo organizativo e ideolóxico, é onde nos debemos centrar.


Forxa! Colectivo Marxista-Leninista*

Galiza, 12 da maio de 2011


* Fai parte do Foro de Unidade Comunista.

No hay comentarios: