domingo, 28 de febrero de 2021

GALIZA: Carga policial na Coruña contra unha manifestación pola liberdade de Pablo Hasel e os presos independentistas galegos



Antidisturbios da policía española cargaron na noitiña desta sexta feira na Coruña contra os participantes nunha mobilización pola liberdade de Pablo Hasel e dos presos independentistas convocada polo organismo antireprsivo Ceivar.

O acto desenvolvíase sen incidentes e coa presenza de ducias de persoas, até que axentes dos antidisturbios cargaron contra a cabeceira da concentración, nunha acción cualificada como “desproprocionada” e “sen razón ningunha” por varias testemuñas que estaban no lugar dos feitos.

“Mallaron sen atender a razóns, bateron en todo o que se movía”, denuncia unha desas testemuñas. Após as cargas, os e as manifestantes dispersáronse por varias rúas e algunhas delas optaron por responder á actuación policial, guindando diferentes obxectos e cruzando contentores.

Convocadas por Ceivar, as mobilizacións desta sexta feira reclamaban baixo o lema "Aministía total" a liberdade do rapeiro catalán, detido hai uns días e preso a raíz dunha sentenza da Audiencia Nacional, así como dos "presos políticos", nomeadamente dos presos independentistas galegos.

Esta era a terceira vaga de concentracións na Galiza pola liberdade de Pablo Hasel, após as decorridas a semana pasada e a anterior e na que tomaron parte centos de persoas en diferentes cidades e vilas galegas.

https://www.nosdiario.gal/articulo/social/carga-policial-coruna-manifestacion-pola-liberdade-pablo-hasel-presos-independentistas/20210226234539116731.html

No hay comentarios: