lunes, 18 de agosto de 2008

Stalín e a loita pola reforma democrática.


O presente artigo sobre a figura do camarada Stalin esta tomado do blog comunista galego estoutrasnotaspoliticas. Pola sua magnitude publicaremo-lo en tres partes.


STALIN E A LOITA POLA REFORMA DEMOCRÁTICA


PARTE PRIMEIRA

Introdución1.

Este artigo subliña as tentativas de Stalin, desde os anos 30 até a sua morte, por democratizar o governo da Unión Soviética.

2. Esta afirmación, e o artigo, surprenderá a moitos, e escandalizará a algúns. De feito, foi a miña surpresa ante os resultados desta investigación o que me levou a escreber este artigo. Suspeitei durante moito tempo que a versión tipo "guerra fria" da história soviética tiña importantes lagoas. Mália isto, non estaba preparado para a magnitude das falsedades das que tiven coñecimento.

3. Esta história é ben coñecida polos rusos, onde o respeito e incluso a admiración por Stalin é común. Yuri Zhukov, o principal historiador ruso que avanzou o paradigma de "Stalin demócrata", e cuxos traballos son a principal fonte individual, mália que non a única, deste artigo, é unha figura recoñecida, relacionada coa Académia de Ciéncias. Os seus traballos son amplamente coñecidos.

4. Porén, esta história, así como os feitos nos que se asenta, é virtualmente descoñecida fora de Rúsia, onde o paradigma da Guerra Fria "Stalin, malvado" domina tanto o publicado que os traballos aquí citados son escasamente nomeados. Por isto moitas das fontes utilizadas no artigo só son acesíbeis en ruso.(1)

5. Este artigo non só informa aos leitores de novos feitos e das suas interpretacións sobre a história da URSS. Constitue unha tentativa de achegar aos leitores non-rusos o resultado de novas investigacións, baseadas nos arquivos soviéticos, sobre o periodo de Stalin e sobre o mesmo Stalin. Os feitos discutidos neste artigo son compatíbeis con determinado rango de paradigmas históricos soviéticos, na medida na que axudan a desbotar un determinado número de interpretacións. Serán inaceitábeis por completo (incluso escandalosos) para aqueles cuxas perspectivas políticas e históricas se basean nunhas nocións erradas, baseadas na Guerra Fria, sobre o "totalitarismo" soviético e o "terror" estalinista.(2)

6. A interpretación khrucheviana de Stalin como un ser sedento de poder, traidor ao legado de Lenin, foi unha criazón necesária para os intereses da nomenclatura do Partido Comunista nos anos 50. Pero amosa moitas semellanzas e comparte moitas premisas co discurso canónico sobre Stalin herdado da Guerra Fria, que estivo ao servizo do desexo das elites capitalistas de apresentar as loitas polo comunismo, ou calquer loita da clase obreira polo poder, como un camiño que dirixe necesáriamente a algún tipo de horror.

7. Axusta-se tamén á necesidade do trotskismo de argumentar que a derrota de Trotsky, o "revolucionário auténtico", tivo que ser obra dun ditador que, dá-se por feito, violou cada un dos princípios polos que loitou a Revolución. Khruchevistas, anticomunistas da Guerra Fria, e os paradigmas trotskistas sobre a história soviética son cópias na sua dependéncia dunha demonización de Stalin, do seu liderazgo e da URSS durante o seu mandato.

8. A visión sobre Stalin apresentada neste ensaio é compatíbel con outros paradigmas históricos contraditórios. As interpretacións comunistas anti-revisionistas e pós-maoístas da história soviética contemplan a Stalin como un herdeiro lóxico e criativo do legado de Lenin, se ben fracasado en certos aspectos. Igualmente moitos nacionalistas rusos, que difícilmente aprobarian os logros de Stalin en tanto comunista, respeitan a sua figura como responsábel de facer de Rúsia unha poténcia industrial e militar. Stalin é para todos eles unha figura esencial, se ben desde distintas ópticas.

9. Este traballo non tenta "reabilitar" a Stalin. Estou de acordo con Yri Zhukov cando escrebe:"Teño que dicer, sinceramente, que me opoño á reabilitación de Stalin, porque me opoño ás reabilitacións en xeral. Nada nen niguén debe ser reabilitado, senón que debemos descobrir a verdade, e dá-la a coñecer. Porén, desde os tempos de Khruchev as únicas vítimas das represións de Stalin das que ouvimos falar son aquelas que tomaron parte nelas, ou que as facilitaron, e que non se opuxeron a elas".Tampouco quero afirmar que, no caso de que Stalin conseguira todas as metas, fosen resoltos os moitos e variados problemas da construción do socialismo e do comunismo.

10. Durante o periodo analisado neste ensaio, o liderazgo de Stalin preocupou-se non só de potenciar a democrácia no governo do estado, senón de favorecer tamén a democrácia interna no Partido. Este ponto, importante e relacionado, precisa dun estudo por separado, e non é o ponto central deste traballo. Mália ser coñecido o conceito de "democrácia", este ten un significado distinto no contexto dun partido guiado polo centralismo democrático, formado por membros voluntários, que no contexto dun grande estado de cidadáns no que non se poden dar por supostas bases de consenso político.(3)

11. Este artigo baseou-se en fontes de primeira man sempre que foi posíbel. Ainda que descansa con maior solidez nos traballos académicos de historiadores rusos que teñen aceso a documentos non publicados, ou de moi recente publicación, dos arquivos soviéticos. Moitos documentos soviéticos de grande importáncia só están a disposición de académicos con aceso privilexiado. Moitos outros permanecen completemante secuestrados e "clasificados", incluídos moitos do arquivo persoal de Stalin, os materiais pre-xudiciais de investigación dos procesos de Moscova de 1936-1938, os materiais de investigación sobre o caso Tukhachevski de 1937 e moitos outros.

12. Yuri Zhukov descrebe a situación dos arquivos do seguinte xeito:"Co comezo da Perestroika, sendo un dos seus lemas glasnost..., o arquivo do Kremlin, antes pechado aos investigadores, liquidou-se. Os seus contidos empezaron a trasladar-se (a vários arquivos públicos G.F.). Este proceso encetou, pero non finalizou. Sen publicidade ou explicación, en 1996 os materiais máis importantes e esenciais foron reclasificados de novo, agachados no arquivo do Presidente da Federación Rusa. Pronto foron evidentes as razóns desta operación: permitir o rexurdimento dun dos vellos e lamentábeis mitos."Zhukov está a falar dos mitos "Stalin o malvado" e "Stlain o grande líder". Só o primeiro destes mitos é familiar aos leitores da historiografia ocidental e anticomunista. Pero as duas escolas están ben representadas tanto na Rúsia como na Comunidade de Estados Independentes.

13. Unha das obras de Zhukov, fonte de moito do contido deste artigo, intitula-se Inoy Stalin - Un Stalin diferente, "diferente" dos mitos, máis perto da verdade, baseado nos recentemente desclasificados documentos de arquivo. A sua cuberta representa unha fotografia de Stalin e, fronte a ela, a mesma fotografia en negativo: o seu oposto. En poucas ocasións utiliza Zhukov fontes de segunda man. Maiormente cita documentos de arquivo non publicados, ou recentemente desclasificados e publicados. A sua descrición da política do Politburó de 1934 a 1938 é moi diferente de todo o que teña a ver cos mitos que rexeita.

14. Zhukov remata a sua Introdución con estas verbas:"Non presumo de ter rematado a tarefa. Tento só evitar pontos de vista preconcebidos, evitar os dous mitos; tentar reconstruir o pasado, unha vez moi coñecido, pero agora esquecido intencionadamente, deliberadamente non nomeado, ignorado por todos".Seguindo a Zhukov, este artigo tamén tenta manter-se á marxe dos dous mitos.

15. Sob estas condicións calquer conclusión ten que ter o carácter de tentativa. Esforcei-me por utilizar sensatamente todos os materiais, xa foran de primeria ou segunda man. Co gallo de non interromper o texto coloquei as fontes referenciais ao remate de cada parte.

16. A investigación que este artigo resume ten importantes consecuéncias para aqueles de nós que queremos levar adiante unha análise de clase da história, incluída a história da Unión Soviética.

17. Un dos mellores investigadores do periodo de Stalin na URSS, J. Arch Getty, denominou a investigación histórica realizada durante o periodo da Guerra Fria como "produto propagandísitico", "investigación" que non merece nen crítica nen emenda, senón que ten que ser feita de novo desde o comezo.(4) Coincido con Gretty, ainda que engadiria que esta investigación tendenciosa, "política" e desonesta continua hoxe en dia.

18. O paradigma Guerra Fria-Khruchevista foi o ponto de vista dominante da história dos "anos de Stalin". A presente investigación pode dar luz sobre a matéria, "un princípio desde o mesmo princípio". A verdade que xurde terá tamén un grande significado para o proxecto marxista de comprender o mundo para trocá-lo, da construción dunha sociedade sen clases, unha sociedade con xustiza económica e social.

19. Na sección final do ensaio subliñei algunhas áreas para unha posterior investigación apontadas polos resultados deste artigo.


Unha nova Constitución

20. En decembro de 1930, o VIIIº Congreso Extraordinário dos Soviets aprobou o borrador da nova constitución soviética. Convocou unha votación secreta e unhas eleizóns abertas. (Zhukov, Inoy 307-9)

21. Admitiron-se candidatos non só do Partido Bolchevique -chamado entón Partido Comunista da Unión (bolchevique)(5)- senón tamén doutros grupos de cidadáns baseados na zona de residéncia, filiación (como grupos relixiosos), ou organizacións dos centros de traballo. Isto nunca se levou á prática. Nunca houbo eleizóns abertas.

22. Os aspectos democráticos da Constitución foron incluídos ante a expresa insisténcia de Stalin. Xunto aos seus máis achegados colaboradores no Politburó do Partido Bolchevique, Stalin loitou para manter este proxecto (Getty, "State"). El, e eles, cederon só cando se enfrontaron ao rexeitamento total do Comité Central do Partido, e ante o pánico que criou o descobrimento de sérias conspiracións para derrocar o governo soviético coa colaboración do fascismo alemán e xaponés.

23. En xaneiro de 1935, o Politburó asignou o traballo de deseñar os contidos dunha nova constitución a Avel Ynukidze(6) quen, meses máis tarde, volveu coa idea de eleizóns abertas. Case imediatamente, o 25 de xaneiro de 1935, Stalin expresou o seu desacordo coa proposta de Yenukidze, insistindo nas eleizóns secretas. (Zhukov, Inoy 116-21)

24. Stalin fixo público este desacordo dun xeito moi notório en marzo de 1936, durante unha entrevista co magnate da imprensa americana Roy Howard. Stalin declarou que todas as votacións serian secretas. O voto teria unha base de igualdade, tendo o mesmo valor o voto dun campesiño que o voto dun obreiro(7); unha base territorial, como no Ocidente, no canto dunha base relacionada co estatus, como na época zarista. O voto seria directo: todos os Soviets serian elixidos polos cidadáns, non por representantes indirectos. (Stalin-Howard Interview; Zhukov, "Repressii" 5-6)Stalin: "Adoptaremos a nosa nova constitución probábelmente a finais deste ano. A comisión encarregada de redixí-la esta traballando e rematará pronto o seu traballo. Como xa se anunciou, de acordo coa nova constitución, o sufráxio será universal, igual, directo e secreto". (Entrevista Stalin-Howard)

25. E o máis importante: Stalin declarou que en todas as eleizóns participarian diferentes forzas políticas."Vosté está confundido polo feito de que só un partido se apresentará ás eleizóns. E non pode ver como pode ter lugar unha contenda eleitoral nestas condicións. Evidentemente, os candidatos serán apresentados non só polo Partido Comunista, senón por toda clase de organizacións públicas, alleas ao Partido. E temos centenares. Non temos partidos máis que na medida na que temos unha clase capitalista en loita cunha clase traballadora que é explotada polos capitalistas. A nosa sociedade consiste exclusivamente en traballadores livres do campo e da cidade; traballadores, campesiños e intelectuais. Cada unha destas capas ten os seus especiais intereses, intereses expresados através das numerosas organizacións que existen".Diferentes organizacións cidadáns apresentarian candidatos que competirian cos candidatos do Partido Comunista. Stalin declarou a Howard que os cidadáns tacharian os nomes de todos os candidatos agás os de aqueles a quen votasen.

26. Tamén salientou a importáncia dunhas eleizóns nas que existira competéncia como forma de loitar contra a burocrácia:"Vosté poderia pensar que non haberá eleizóns. Pero si que haberá, e vexo campañas moi axitadas. Non son poucas as institucións no noso país que funcionan mal. Dan-se casos nos que este ou aquel governo local non son quen de satisfacer esta ou aquela das variadas e crecentes necesidades dos traballadores da cidade e do campo. Edificou-se unha boa escola ou non? Melloraron as condicións da vivenda? É vosté un burócrata? Axudou vosté a facer maís eficaz o noso traballo e a facer as nosas vidas máis cultivadas? Así serán os critérios cos que millóns de eleitores medirán o axeitado dos candidatos, rexeitarán aos non aptos, suprimirán os seus nomes das listas de candidatos e favorecerán e elexerán aos mellores. Si, as campañas eleitorais serán disputadas, e estarán centradas en numerosos e agudos problemas, sobretodo de natureza prática, de primeira importáncia para o povo. O noso novo sistema eleitoral reforzará todas as institucións e organizacións, que se verán obrigadas a mellorar o seu traballo. O sufráxio universal, igualitário, directo e secreto será un látego nas mans do povo contra os órgaos governamentais que funcionen mal. Na miña opinión, a nova constitución soviética será a constitución máis democrática do mundo".

27. Desde esta óptica, Stalin e os membros do Politburó máis cercanos a el, Vyacheslav Molotov e Andrei Zhadanov apoian unhas eleizóns abertas e secretas en todos os debates dentro do Partido. (Zhukov, Inoy, 207-10; Entrevista Stalin-Howard)

28. Stalin tamén insiste no feito de que moitos cidadáns soviéticos, que foran privados dos seus direitos, agora os recuperarian. Esto incluia membros das clases explotadoras, como os terratenentes, e aqueles que loitaron contra os bolcheviques durante a Guerra civil de 1918-1921, os coñecidos como "gardas brancos", así como aqueles condenados por crimes (como hoxe nos EEUU). Os grupos máis importantes e probábelmente máis numerosos entre os lishentsy (expropriados) foron dous: os kulaks, os principais obxectivos durante a colectivización, e os que violaran a "lei dos tres ouvidos"(8) (roubar propriestades estatais, a miúdo cereais, as veces simplesmente para combater a fame). (Zhukov, Inoy 187)

29. Estas reformas eleitorais serian inecesárias, a non ser que a dirección soviética quixera mudar os modos de governo da Unión Soviética. O que perseguian era expulsar ao Partido Comunista da dirección directa da Unión Soviética.

30. Durante a Revolución Rusa e os críticos anos que seguiron, a URSS foi governada por unha xerarquia eleita de soviets, desde o nível local ao nacional, co Soviet Supremos como órgao lexislativo, o Consello de Comisários do Povo o executivo, e o Secretário deste Consello como cabeza do Estado. Pero na prática, a todos os níveis, a eleizón destes estivo nas mans do Partido Bolchevique. Houbo eleizóns, pero o nomeamento directo por parte dos líderes do Partido, denominado "cooptazón" era tamén habitual. Incluso as eleizóns foron controladas polo Partido, xa que ninguén podia optar sen a aprobación dos dirixentes do Partido.

31. Para os bolcheviques isto era lóxico. Era a forma que tomaba a ditadura do proletariado nas condicións históricas específicas na Unión Soviética revolucionária e pós-revolucionária. Baixo a Nova Política Económica, ou NEP(9), o traballo e as capacidades dos explotadores foron necesárias. Ainda que só cando estiveran ao servizo da ditadura do proletariado, do socialismo. Non se deixou que reconstruisen as relacións capitalistas alén de certos límites, nen que recuperaran poder político.

32. Duranta os anos 20 e princípios dos 30, o Partido Bolchevique reclutou membros entre a clase traballadora de forma intensa. A finais dos anos 20, a maioria dos membros do Partido eran traballadores e unha alta porcentaxe dos traballadores estaban no Partido. Este reclutamento masivo e os grandes proxectos de educación política coincidiron coas enormes tensións do primeiro Plano Quinquenal, a industrialización a marchas forzadas, e a colectivizacion, normalmente forzada, das granxas individuais (pasando a constituir granxas colectivas -kolkhoz-, ou soviéticas -sovkhoz-). A dirección bolchevique foi tan sincera na sua tentativa de proletarizar o Partido como exitosa nos seus resultados. (Rigby, 167-8;184;199)

33. Stalin e os seus seguidores dentro do Politburó deron determinados motivos para apoiar a sua vontade de democratizar a Unión Soviética. Esas razóns reforzan a idea desa dirección de que se acadara un novo estado de socialismo.

34. A meirande parte dos campesiños estaban en granxas colectivas. Cun descenso progresivo de granxas individuais, a dirección soviética pensou que, obxectivamente, os campesiños xa non constituian unha clase sócio-económica independente. As semellanzas entre campesiños e traballadores eran maiores que as diferenzas.

35. Stalin argumentaba que, co rápido crecimento da indústria colectiva e, sobretodo, coa clase obreira controlando o poder político através do Partido Bolchevique, a verba "proletário" xa non era acaída. "Proletariado", declarou Stalin, define a clase traballadora baixo a explotación capitalista, ou traballando baixo relacións capitalistas de produción, como as que existian durante os primeiros anos da Unión Soviética, especialmente durante a NEP. Pero unha vez abolida a explotación directa dos traballadores polos capitalistas, a clase traballadora non se debe chamar "proletariado".36. Segundo esta análise, os explotadores do traballo alleo xa non existian. Os traballadores, que agora dirixian o país no seu próprio interese através do Partido Bolchevique, non eran xa o clásico proletariado. Xa que logo, a "ditadura do proletariado" xa non era un conceito pertinente. Esas novas condicións supuñan un novo tipo de estado. (Zhukov, Inoy, 231;292; Stalin, "Draft" 800-1).

No hay comentarios: