lunes, 25 de septiembre de 2017

GALIZA: Chamamento do Comité de Construción do PC-maoísta da Galiza sobre a situación en Catalunya.






Ao pobo traballador galego:

A decisión soberana da maioría do Parlament de Catalunya de convocar un referendo de autodeterminación para o vindeiro 1º de outubro,  foi respostada coa represión polo Estado da oligarquía española.
A suspensión, de facto, da autonomía de Catalunya, coa intervención das administracións e a detención de responsables políticos, é o primeiro paso para unha represión xeneralizada tanto na Catalunya rebelde coma contra os demais pobos do Estado español.

Non nos sorprende! esa é a única reposta que coñece unha burguesía reaccionaria e fascista, herdeira directa da ditadura franquista no réxime da restauración borbónica de 1978.
Mais esta vez, fixeron mal o calculo, pois descoñecen, nesta nova realidade concreta do século XXI, o poder dun pobo decidido a tomar nas súas mans o seu destino. Onde hai opresión, sempre haberá rebelión, esta é a ciencia da Revolución.

Somos tamén plenamente conscientes que o proceso político de liberación nacional en Catalunya esta a ser levado pola mesma burguesía, opresora e corrupta, que no seu momento formou parte do bloque da oligarquía que avalou a fascista restauración borbónica imposta por Franco. Esa mesma burguesía agora enfrontada aos sectores mais recalcitrantes da burguesía española en contradición antagónica. A mesma que, por isto,  precisa dunha alianza coa pequena-burguesía radical de ERC e sectores obreiros das CUP, de tendencia asamblearista e anticapitalista, para lograr un novo espazo político en forma de República, recollendo o sentimento patriótico da maioría do pobo catalán.

Tamén somos conscientes que o proletariado no conxunto do Estado Español e nas nacións oprimidas, carecen de partidos comunistas revolucionarios fortes, capaces de encabezar o proceso. Así que atopámonos diante dunha etapa na que son a burguesía e a pequena-burguesía democráticas ás hexemónicas.

O traballo dos comunistas, tense que artellar nestas circunstancias na necesaria construción partidaria en torno a unha liña revolucionaria e a ideoloxía revolucionaria do proletariado; o Marxismo-Leninismo-Maoísmo. Único garante para a construción dos tres elementos básicos da revolución: O  Partido, A Fronte Única e o Exercito Popular.
Sen eles nada terán as masas!

Paralelamente a isto, temos que denunciar aos renegados revisionistas que chamándose falsamente “comunistas” alíanse  unha vez mais coa oligarquía do réxime monarco-fascista berrando pola "unidade da España", renegando do dito por Marx: ”O pobo que oprime a outros pobos non pode ser libre”.

Este ano estamos a celebrar o 50 aniversario do levantamento popular de Naxalbari na India e o centenario da Gran Revolución Socialista de Outubro guiada por Lenin e os bolcheviques na Rusia.
Son as súas bandeiras vermellas, as súas ricas experiencias, as que deben de guiarnos !
O réxime monarco-fascista esta ferido de morte! Todos e todas debemos de ser conscientes de isto e actuar en consecuencia.

Dende o Comité de Construción do Partido Comunista maoísta da Galiza queremos amosar  toda a nosa solidariedade internacionalista e de clase co pobo traballador catalán na súa loita pola liberación nacional.

Facemos un chamado ao noso pobo traballador a erguer a bandeira vermella do internacionalismo proletario e defender ao noso pobo irmán contra a represión fascista.

Pola folga xeral revolucionaria  que paralice a represión ata a liberación nacional!


Guerra Popular ata o Comunismo!


Pola República Popular de Catalunya!


Pola República Popular da Galiza!


Fascismo nunca mais!

Galiza, 25 de setembro do 2017

Comité de Construción do Partido Comunista maoísta da Galiza

No hay comentarios: