domingo, 28 de abril de 2013

Un artigo de Héctor Bermejo para a Revista Dixital

Sobre as condicións que determinan se un réxime político é fascista ou non.

Isto é a suma de varios apuntes e novos aportes redactados do xeito máis breve posíbel para obter unha comprensión fácil sobre un movemento político determinado. En calquera caso, é recomendábel acudir a autores para documentarse en maior profundidade.
 
Héctor Bermejo
Para que un réxime sexa fascista hanse cumprir unha serie de variábeis ben definidas, xa que para a exposición dun concepto non valen medias tintas nin medias verdades. De feito, a gran maioría dos réximes xeralmente definidos como fascistas, non o son. Son outra cousa con outro nome, pero non réximes fascistas. Así mesmo, moitos Estados considerados democráticos poderían ser considerados réximes fascistas, independente do desenvolvemento das súas estruturas democratico-burguesas.
O fascismo parte dun cúmulo de premisas particulares. Un réxime fascista é unha ditadura manexada polos elementos máis chovinistas, imperialistas, e reaccionarios do capital -non o esquezamos- financeiro. O fascismo xorde da incapacidade da burguesía para manter a súa poder mediante os medios democratico-burgueses, así como da imperiosa necesidade deses elementos por protexer os seus intereses dos sectores avanzados do proletariado. É por iso que o fascismo ten como primeiros e principais obxectivos aos sectores populares representados polo comunismo e as organizacións progresistas.
O fascismo posúe un serie de variábeis definitorias moi importantes e significativas, como o anti-humanismo, o chovinismo, o escurantismo, ou o racismo. Ademais, o fascismo é un movemento interclasista que parte da premisa da oposición á loita de clases, a través dun postulado que nega os intereses de clase. Cabe destacar que o contido obreirista forma parte fundamental das fases primixenias deste movemento; para o fascismo é fundamental que as masas abracen a súa mensaxe nacionalista baixo a crenza de que o seu paradigma é a solución para os traballadores. É común que disfracen o seu discurso baixo unha capa representada en forma de socialismo, unha idea radicalmente oposta ao fascismo. O estado fascista tamén se caracteriza por poñer a man de obra ao servizo dunha estrutura ao servizo dos intereses do capital financeiro mencionado anteriormente, a modo de corporación. No entanto, que algún movemento político conteña parte destes elementos non significa que o movemento en si sexa fascista.
Toda realidade obxectiva ten unha definición de por si, unha definición histórica recreada a si mesma a través da súa xénese e a súa morte, derivada do tempo dos seus fundadores e quen a sufriron. O curioso é que algúns pretenden desprender o que lles interesa desa realidade para alcanzar os seus obxectivos dialécticos pero, así como a realidade dunha molécula de auga é H2O -dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno-, a mutabilidade da materia xera unha realidade ben diferente en canto una das partes desa variábel cambia. En tanto que H2O é auga, HO é un hidróxido. Polo tanto, unha realidade que teña variábeis propias do fascismo deixa de ser fascismo no momento en que faltan parte desas mesmas variábeis.
Unha vez definidos estes fundamentos podemos adecuar esta definición dialéctica como ferramenta que facilite a incorporación do termo fascista a tal ou cal entidade estatal. O fascismo é algo moi serio que debemos coñecer en profundidade co obxectivo de destruílo desde a súa raíz, trátase da ferramenta definitiva dunha burguesía desesperada polo mantemento do poder economico-político.

No hay comentarios: