sábado, 26 de enero de 2013

GRECIA: Documento do KKE.


 O presente artigo do C.C. do KKE, traducido ao galego polos compañeiros do Colectivo ML Forxa, é un exemplo da liña de argumentación dos considerados viuvas de Moscu" frente aos problemas actuais do Movemento Comunista Internacional. Posición caracterizada por un discurso izquierdistas y una practica derechista.


PRINCIPIOS FUNDAMENTAIS DO MOVEMENTO OBREIRO REVOLUCIONARIO, DO MOVEMENTO COMUNISTA.



Dimitris Gontikas
Membro do Politburó do CC do KKE.

Cada partido comunista que se mantén firme na súa misión e comprometido coa súa tarefa principal, é dicir, preparar, organizar a clase obreira e dirixila á loita para cumprir a súa misión histórica, debe guiarse pola posición fundamental do socialismo científico: "Sen teoría revolucionaria non hai movemento revolucionario". Ten que defender esta posición de principios de modo implacábel e consecuente ante calquera intento de socavala e, sobre todo, defendela loitando sen cesar para que a teoría corresponda sempre coa práctica.

A historia do movemento revolucionario e obreiro ensínanos que nin a vontade nin as declaracións son suficientes para salvagardar e garantir a liña revolucionaria de loita e a existencia do Partido como vangarda revolucionaria. Requírese non unha base teórica sólida senón tamén o enriquecemento continuo da teoría a través do estudo dos acontecementos con criterio clasista elevado, o estudo da estratexia do adversario, a xeneralización da experiencia, así como unha fronte ideolóxica constantemente aberta contra calquera intento de revisión. Requírese unha loita ideolóxica que debe alcanzar o nivel dunha ruptura aberta coa corrente do revisionismo e do oportunismo nas súas filas.

Sen a ruptura cos líderes da II Internacional non tería triunfado nin o bolxevismo no movemento obreiro de Rusia, nin tampouco a Revolución de Outubro. Hoxe en día, sen a derrota do oportunismo no movemento comunista de cada país e, polo tanto, a nivel internacional, non pode haber nin reagrupamento nin se poden crear condicións para a vitoria. O movemento obreiro estará condenado a arrastrarse tras a cola da burguesía en cada país.

O KKE ten unha experiencia moi rica. Sufriu moi graves consecuencias dos seus retrocesos en cuestións de principios, o abandono da formación teórica e da súa competencia. Necesitouse moito esforzo e duras loitas para sandar as súas feridas, restaurar o seu carácter comunista e elaborar a súa estratexia nas condicións actuais.

A experiencia do KKE, así como doutros partidos consistentes coa teoría do marxismo-leninismo e do internacionalismo proletario, non é unha especificidade nacional, unha particularidade nacional. Ningún partido poderá, por exemplo, dar dinamismo e perspectiva á loita de clases onde o problema central é a loita polo poder, se non ten clara percepción sobre a clase obreira, o seu papel e desenvolvemento, os procedementos complexos para o desenvolvemento da conciencia de clase e do seu movemento e, en fin, as condicións necesarias para cumprir coa súa misión histórica.

Acaso non é certo que algúns partidos, sobre todo nos países capitalistas desenvolvidos, perderon a súa orientación, o seu carácter proletario e revolucionario porque adoptaron teorías burguesas sen base científica sobre a clase obreira e o seu papel, teorías e prácticas que puxeron en dúbida ou negaron o seu papel social de vangarda? A difusión do movemento obreiro en diferentes foros sociais resultou moi prexudicial.

Ademais, é certo que a clase obreira se desenvolve, avanza non cuantitativa senón tamén cualitativamente, como principal forza de produción. A operación da lei de acumulación e reprodución capitalista ampliada obxectivamente crea as condicións materiais para o desenvolvemento numérico e a concentración da clase obreira. A reprodución ampliada da forza de traballo constitúe parte indispensábel do movemento total do capital. Os cambios nos sectores da economía, a migración interna dende as zonas rurais cara os centros urbanos -coa destrución de miles de familias rurais-, o peche de pequenas e medianas empresas, a inmigración, o aumento normal da poboación son máis en concreto os factores básicos que alimentan a reprodución ampliada da forza de traballo. En última instancia, o modo de produción capitalista reproduce en aínda maior escala a clase dos obreiros que non posúen medios de produción mentres a fonte da rendibilidade do capital é a parte do seu traballo non pagado. Isto é o motivo da súa produción, o logro da maior plusvalía posíbel, non a satisfacción das necesidades sociais.

A interpretación dos novos fenómenos relacionados coa composición da clase obreira, o seu papel, etc. pode levar a conclusións teóricas e políticas equivocadas se non se basea na teoría do socialismo científico, na teoría da loita de clases. Algúns puntos de partida, que son posicións de principios, para un achegamento científico:

1. A clase obreira é a forza motora da produción social, da industria concentrada e de deriva o seu papel líder para a transición do capitalismo ao socialismo que é a fase inferior do comunismo.

A burguesía xa se volveu reaccionaria porque se opón á propiedade social sobre os medios de produción concentrados, a única relación de propiedade que corresponde ao afondamento do carácter social do traballo e da produción. Pasou xa á posición histórica que tiña o feudalismo cando defendía a conxelación da capacidade de produción nos límites da propiedade feudal.

A posición obxectiva das dúas clases na sociedade capitalista -a clase obreira e a burguesía- é a que define a nosa época como época de transición do capitalismo ao socialismo. A clase obreira é a última clase explotada na historia dos sistemas sociais e portadora das novas relacións de produción, as relacións comunistas. É a única clase que se desenvolve, a diferenza de todas as demais clases que están en declive, e a súa misión histórica é a abolición da propiedade privada, das clases, da explotación do home polo home. Non hai outra forza social que poida desempeñar este papel.

Trátase dunha posición teórica fundamental para todos os Partidos Comunistas que pode explicar fenómenos no curso de desenvolvemento da clase obreira. Tales fenómenos son: a expansión da relación entre o traballo asalariado e o capital nos sectores comercializados da educación, da saúde e do benestar, da seguridade social, do turismo, etc; o ascenso do nivel de educación da clase obreira en xeral, mesmo de sectores na manufactura, a construción e a minaría; a expansión da clase obreira en sectores de científicos asalariados, debido á maior centralización en sectores onde houbo moitos traballadores por conta propia (científicos técnicos, avogados, contables, etc.).

O resultado deste desenvolvemento é por unha parte o crecemento da clase obreira e por outra parte o afondamento da estratificación interna. Así se reduce a sección da clase obreira na manufactura. As teorías burguesas utilizan esta redución para afirmar que existe unha tendencia de diminución da clase obreira, unha opinión adoptada polas forzas oportunistas que negan o papel histórico da clase obreira no progreso social.

2. O papel histórico da clase obreira como clase revolucionaria pódese cumprir soamente a través da súa organización en clase para si mesma, é dicir, tomando conciencia da súa misión o cal require a existencia dun partido revolucionario independente que exprese os seus intereses en xeral e que dirixa a loita para que a clase obreira se converta no sepultureiro do capitalismo. A organización da loita de clases con este contido e obxectivo non se realiza de xeito espontáneo, senón ao constituír a vangarda ideolóxica e política organizada da clase obreira, o partido comunista.

3. Un punto teórico crucial para cada Partido Comunista é a comprensión do capitalismo contemporáneo como imperialismo, é dicir, a última fase do capitalismo. A súa base obxectiva é a gran propiedade capitalista que toma a forma dun capitalista colectivo, da unión empresarial dos capitalistas. Así se crearon fortes monopolios na industria, o comercio, os bancos e en relación entre eles, formáronse unións imperialistas como a UE, se levaron a cabo guerras imperialistas xeneralizadas pola repartición e a redistribución dos mercados.

Cabe sinalar que o KKE non se atrapou na opinión oportunista -unha opinión prexudicial para o movemento- que o establecemento da UE foi un desenvolvemento inevitábel e que tiña elementos progresistas. Os desenvolvementos confirmaron a avaliación que a UE é nada máis que unha unión dos monopolios e que a súa disolución sería un elo significativo na loita polo socialismo-comunismo.

Non se atrapou nas teorías que "o capitalismo globalizado" se librou das súas contradicións. O desenvolvemento desigual maniféstase con intensidade especial.

No imperialismo predominou a exportación de capitais para investimentos directos, a especulación en torno á exportación de capital diñeiro tomou grandes dimensións (grande especulación na compra e venda de bonos estatais en forma de contratos-apostas, etc.). Agudizouse a contradición entre capital e traballo e vese hoxe coa redución do ingreso dos obreiros e do pobo mesmo na fase de recuperación da reprodución tras a crise (isto acontece en países da zona euro, nos EUA, etc).

Así, vellos fenómenos, inherentes do modo de produción capitalista, como as crises económicas periódicas de sobreprodución, afondaron e sincronizáronse segundo vimos en 1929 e durante a década de 1930, así como na primeira década do século XXI. Tales crises profundas de sobreprodución do capital tomaron a forma de crises financeiras ou bolsistas, foron a base para a intensificación do antagonismo e das contradicións entre sectores do capital, entre estados capitalistas, dentro de centros imperialistas como é a zona euro, así como entre centros imperialistas, dentro de unións imperialistas máis amplas, como o Banco Central ou o Fondo Monetario Internacional. O oportunismo adheriuse, como sempre a un ou outro lado das contradicións interburguesas ou interimperialistas, ocultando o carácter capitalista da crise e a saída desta a favor da maioría obreira e popular.

Un asunto fundamental da loita ideolóxica e política da clase obreira é que o seu partido demostre que o sistema capitalista perdeu a súa dinámica, que entrou en fase de declive, que é un sistema que se está a afundir no parasitismo, que está a podrecer pero impide a transición ao socialismo-comunismo. Hai que deixar claro que non se pode facer a transición do capitalismo ao socialismo coa estrutura e as funcións do poder capitalista, a través do proceso parlamentario. Levarase a cabo mediante un curso de conflitos, rupturas e derrocamentos sucesivos, pacíficos e sanguentos, a través de varias fases, o cal require o conflito decisivo co poder burgués e o seu derrocamento. Todo se xulgará polo nivel de organización, determinación, heroísmo, autosacrificio e polas alianzas da clase obreira. Isto require unha vangarda forte, un partido comunista, cunha estratexia correcta.

Do carácter da época deriva que o partido comunista debe ter unha estratexia e táctica que teña no corazón a loita pola emancipación da clase obreira da ideoloxía burguesa e pequenoburguesa e a súa organización co fin de esmagar o poder dos monopolios coa forza da violencia de clase.

4. Un dos requisitos previos para a elaboración da estratexia e táctica correctas, para a vitoria da clase obreira, para a formación dunha política organizativa e unha política de alianzas é determinar as forzas motoras da revolución. Segundo Lenin: "Non obstante, todos os que aprenderon algo da historia e das ensinanzas marxistas, deben admitir que a cuestión das clases ten que ocupar a primeira posición na análise política".1

O punto de partida é a definición de Lenin das clases que resume e elabora mais aínda as posicións de Marx e Engels sobre as clases: "As clases son grandes grupos de homes que se diferencian entre si polo lugar que ocupan nun sistema de produción historicamente determinado, polas relacións en que se encontran fronte aos medios de produción (relacións que as leis fixan e consagran), polo papel que desempeñan na organización social do traballo e, por conseguinte, polo modo e a proporción en que perciben a parte da riqueza social de que dispoñen. As clases sociais son grupos humanos, un dos cales pode apropiarse do traballo do outro por ocupar postos diferentes nun réxime determinado de economía social".2

Sobre a base deste principio teórico, cada Partido Comunista debe avaliar obxectivamente as forzas sociais que se encontran entre as dúas clases básicas, distinguir ás capas medias cuxa perspectiva obxectivamente a longo prazo as fai que se achegan máis á clase obreira das que se reproducen de xeito máis estábel xunto coa clase capitalista. Coa súa liña política o Partido Comunista debe expresar a necesidade de asegurar un estándar de vida e de cultura tamén para os sectores populares das capas medias da cidade e do campo.

5. A burguesía na súa loita por salvagardar o seu poder e os seus intereses, a propiedade privada e o réxime da escravitude asalariada, moderniza continuamente o estado burgués e os seus mecanismos, reorganiza as súas alianzas, readapta a súa táctica fronte ao movemento obreiro. Sempre ataca a ideoloxía e a práctica revolucionaria, mentres en cada país apoia o oportunismo xa que serve á submisión da clase obreira aos seus intereses baixo o paraugas do interese nacional, sobre todo a través da compra de sectores da clase obreira, da chamada aristocracia obreira en cada país, que serve como vehículo non de división e fragmentación da clase obreira, senón tamén como propagandista para a reconciliación coa burguesía. Así, a loita contra o oportunismo, contra a trampa do parlamentarismo e o reformismo, a loita contra a participación de partidos comunistas en formacións gobernamentais no terreo do capitalismo, é condición necesaria para a súa emancipación de clase.

6. Internacionalismo na práctica e nas circunstancias máis difíciles. As particularidades nacionais non invalidan a tarefa única da clase obreira a nivel internacional, os intereses conxuntos. " hai un internacionalismo efectivo, que consiste en entregarse ao desenvolvemento do movemento revolucionario e da loita revolucionaria dentro do propio país, en apoiar (por medio da propaganda, coa axuda moral e material) esta loita, esta liña de conduta, e esta en todos os países sen excepción....3

O esencial non é "proclamar o internacionalismo; é saber ser, mesmo nos momentos máis difíciles, auténticos internacionalistas."4

O KKE, sobre a base destes principios, fixo esforzos importantes para analizar máis profundamente os desenvolvementos e cambios contemporáneos do capitalismo internacionalizado, a experiencia da loita de clases, para estudar a experiencia do propio partido e nesta base elaborou a súa estratexia para o reagrupamento e o contraataque do movemento obreiro.

Sobre a base desta liña e en condicións complexas, determinadas pola crise económica e a contrarrevolución, o KKE está a loitar para abrir o camiño para os cambios revolucionarios. Neste sentido avalía a súa contribución no movemento revolucionario internacional.

A ESENCIA DA ESTRATEXIA DO KKE
E OS QUE LOITAN EN CONTRA DESTA.

Unha das acusacións máis frecuentes contra o KKE é que a súa liña política se caracteriza por sectarismo; que teórica e ideoloxicamente está atrapado en esquemas e dogmas obsoletos. Dise que o KKE nega a cooperación con outras forzas que se definen como de esquerdas, que remite a solución dos problemas da clase obreira ao socialismo, á "segunda vinda" e que nega a importancia das loitas económicas e en xeral da loita pola mellora da situación da clase obreira e dos sectores populares a través de reformas no marco do sistema actual.

Esta é a dirección xeral da polémica en contra do KKE na que converxen forzas burguesas e oportunistas, é dicir, forzas oportunistas que se apartaron ou se expulsaron do KKE como inimigos e negadores da loita de clases, como vehículos da colaboración de clases.

Con todo, trátase de opinións que nin sequera conteñen un núcleo de ideas orixinais. Copian e repiten teorías e fabricacións ideolóxicas impulsadas polo persoal do sistema, principalmente pola socialdemocracia e o anarquismo internacional. Afagan a espontaneidade das masas mesmo hoxe en día que os partidos liberais burgueses actúan de modo organizado dentro do movemento obreiro sindical, no movemento dos alumnos, os estudantes e das mulleres. Desvían a intervención organizada burguesa e a súa influencia ideolóxica e política nas forzas obreiras e populares, falan dun movemento "fóra de partidos" ou "autónomo", "sen intermediarios", ou cooperan con forzas burguesas en nome da "unidade ante o problema" ou da particularidade local dos problemas en relación coa política central.

Non puideron, nin poden seguir os grandes esforzos que fai o KKE a nivel teórico e político para elaborar e axustar a súa estratexia ás condicións contemporáneas da loita de clases e aos grandes cambios e derrubamentos de percepcións e prácticas anticuadas. Seguen sendo dogmaticamente apegados á colaboración de clases e á lóxica da reforma do capitalismo a través de novas mesturas de política e institucións burguesas. Os seus axustes periódicos segundo os desenvolvementos e a adopción de consignas anticapitalistas non alteran o seu contido fundamental, a súa política de compromiso. Negan obstinadamente a abolición da propiedade privada nos medios concentrados de produción e son hostís e senten odio clasista para o poder obreiro. Foron e seguen sendo axentes da burguesía no movemento obreiro.

A elaboración e o axuste da estratexia e da táctica do KKE no movemento obreiro sindical é unha gran conquista e garante grandes éxitos na loita de clases. É o camiño da vitoria final do movemento obreiro na súa loita contra o capital.

Xa contamos con éxitos e vitorias. Formouse a PAME que tomou acción como polo de clase no movemento sindical; empezou a construírse a alianza cos sectores populares dos autónomos. Trátase principalmente da creación e estabilización dunha forte corrente de resistencia, de ruptura e de derrocamento da política antipopular, contra os monopolios e a UE, contra todos os centros imperialistas, a alianza económica e política-militar dos estados capitalistas. Trátase dunha corrente de forzas que se está a ampliar e se está a fortalecer nas filas da clase obreira, os autónomos, os campesiños, a xuventude e as mulleres e é unha inspiración en loita decisiva por derrocamentos e cambios revolucionarios.

A base dos cambios e dos axustes en varios asuntos da liña de acción do KKE no movemento obreiro sindical é o estudo profundo e esencial do desenvolvemento contemporáneo no modo de produción capitalista e na estratexia do capital nas condicións actuais. Durante os últimos 20 anos o noso Partido fixo un traballo arduo e serio que se reflicte nunha serie de documentos que se complementan e completan un ao outro, nunha soa liña de loita.

ASUNTOS BÁSICOS DA ESTRATEXIA E DA TÁCTICA DO KKE NO MOVEMENTO OBREIRO SINDICAL.

A vinculación entre economía e política na época do imperialismo e das crises económicas sucesivas.

O KKE ante a nova condición establecida tras a vitoria da contrarrevolución non foi arrastrado pola corrente de retirada e da confusión ideolóxica. Mobilizou todas as súas forzas e elaborou a súa estratexia nas novas condicións. Buscando as causas do derrocamento do socialismo, viuse obrigado a estudar máis profundamente a historia e o desenvolvemento da loita de clases no século XX.

Unha primeira conclusión de importancia estratéxica é que os estados capitalistas e sobre todo os de economías capitalistas máis desenvolvidas xa non poden facer concesións á clase obreira.

Despois da II Guerra Mundial en Europa, en condicións de reagrupamento dinámico e desenvolvemento da economía capitalista e da nova correlación de forzas tal como se formou despois da guerra, o movemento obreiro tivo unha serie de logros importantes. O mesmo aconteceu en Grecia tamén, onde se adquiriron logros importantes principalmente despois de 1974.

Neste período de posguerra fortaleceuse a corrente oportunista e formouse a corrente do "eurocomunismo" que se expresou particularmente en Italia polo Partido Comunista de Italia, que desenvolveu a teoría do chamado "compromiso histórico". A base desta corrente é que o capitalismo podería transformarse, ser reformado nunha sociedade máis moderna e xusta, na dirección do socialismo, sen ruptura e derrocamento. A pedra angular destes puntos de vista foi o sector estatal amplo, as reformas dos monopolios estatais na xestión do sistema e algunhas facilidades no marco do sistema.

Esta liña causou grandes danos no movemento obreiro sindical, levou a partidos comunistas no abrazo da socialdemocracia e hoxe á disolución ou mutación. O movemento obreiro sindical tivo un curso de décadas de contracción, burocratización, inercia e asimilación nas aspiracións gobernamentais da CEE e dos capitalistas.

Esta corrente tivo un grande impacto nunha serie de partidos, entre os cales foi tamén o KKE. O partido sufriu conflitos sucesivos ata librarse da súa influencia.

A través do estudo histórico da loita de clases, sobre todo a nivel europeo, o noso partido chegou á conclusión que o sistema capitalista non esgotou todas as posibilidades de facer concesións pero ademais pasou a unha nova ofensiva reaccionaria de derrocamento de todas as conquistas básicas. Dende mediados da década de 1970 esta tendencia fíxose evidente e finalizouse coa estratexia única da UE na década de 1990. Trátase dunha conclusión importante que axudou ao partido non se deixar desorientar e enfrontar unha serie de posicións e prácticas políticas, teóricas que causaban dano e confusión.

A aceleración da internacionalización capitalista, a creación da UE e a formación de gobernos de centroesquerda interpretáronse por moitos e especialmente por varias correntes oportunistas como unha nova época de desenvolvementos positivos. Varios foros sociais foron promovidos como novos suxeitos da loita de clases, cuestionando o papel da clase obreira e a necesidade do partido revolucionario.

A estratexia de derrocamento de conquistas e de dereitos da clase obreira produciuse debido ás dificultades na reprodución ampliada do capital social, as sucesivas crises de sobreacumulación capitalista, a redución da taxa media de ganancia, debido ás contradicións internas do sistema capitalista. Esta estratexia tiña como obxectivo fortalecer a rendibilidade do capital, é dicir, deter a tendencia á caída da taxa media de ganancia na década de 1970. A aplicación desta estratexia foi asistida polos cambios na correlación de forzas provocados pola contrarrevolución nos países socialistas.

A estratexia única de ataque contra o movemento obreiro non se promoveu en condicións de manifestación da crise económica senón tamén en condicións do desenvolvemento capitalista porque economías como a dos EUA, de Xapón, de Gran Bretaña, etc. estaban a perder a súa posición no mercado capitalista internacional, agudizouse o antagonismo co xurdimento de novas potencias, como China, creceu o déficit fiscal. Especialmente nas dúas últimas décadas as fases de crecemento foron anémicas e non deron lugar a un aumento da prosperidade nas sociedades capitalistas máis desenvolvidas.

A crise económica máis profunda e sincronizada que estalou en 2008 non confirmou as posicións do KKE, senón tamén confirmou do xeito máis brillante a teoría do socialismo científico. A nivel teórico, así como a nivel de consecuencia política clasista, demostrouse unha vez máis a primacía do partido contra os oportunistas.

Estas análises axudaron ao partido a modernizar e desenvolver a súa estratexia, parte da cal foi a creación da PAME e a confrontación cos dirixentes dos sindicatos que tiñan como principal liña de loita o fortalecemento do antagonismo da economía capitalista e a converxencia cos países da UE como condición previa para a prosperidade da clase obreira.

O KKE rexeitou e expuxo as teorías burguesas e oportunistas e protexeu o movemento de perigos. Abriu a tempo unha fronte de loita contra as teorías de converxencia coa UE, a competitividade, a teoría de "menos Estado", as ilusións sobre a dinámica do desenvolvemento capitalista. Axudou ao movemento a resistir e defender logros que noutros países capitalistas de Europa foran arrastrados un tras outro. O movemento sindical con orientación de clase viuse mellor preparado a enfrontar a crise e as diversas teorías sen base científica sobre as causas da crise.

O ataque que se intensifica actualmente coa crise económica é a continuación da estratexia elaborada do capital no período anterior, na fase de desenvolvemento. É unha proba máis de que o capitalismo perdeu toda a súa dinámica no desenvolvemento das forzas de produción. É totalmente oposto ás necesidades da familia popular. A única capacidade que ten o sistema é a distribución do traballo a través da expansión do traballo a tempo parcial e a xeneralización das relacións flexíbeis de traballo, a organización do tempo de traballo sen recoñecemento das horas extras de traballo. Isto significa que os capitalistas, os gobernos e as súas unións imperialistas, co fin de lograr o maior beneficio posíbel, se moven en dirección oposta ás capacidades das forzas de produción e da produtividade do traballo que crearon a posibilidade non de eliminación do desemprego pero tamén permiten menos horas de traballo e satisfacción global das necesidades populares constantemente ampliadas.

As relacións de produción capitalistas, é dicir, a propiedade privada nos medios de produción, non frean o desenvolvemento das forzas produtivas senón debido á gran desproporción, revelan os límites históricos do modo de produción capitalista, o seu parasitismo e o seu carácter profundamente reaccionario.

Nestas condicións, o movemento obreiro sindical sen unha estratexia para a abolición das relacións de produción capitalistas, está condenado á disolución ou á plena asimilación no sistema, á súa mutación en socio da xestión capitalista. As loitas defensivas tampouco poden frear ou impedir o avance da ofensiva bárbara a menos que se incorporen nunha estratexia de concentración de forzas para a confrontación final, o derrocamento.

A estratexia contemporánea de ataque do capital, que se intensifica en todas as frontes en condicións de crise, continuará mesmo despois da crise para estabilizar a recuperación que en todo caso será débil e temporal. O que hoxe en día é obvio e constitúe un elemento relativamente novo é que o sistema capitalista a nivel nacional, rexional e internacional ten moi estreitos límites de xestión da crise en relación co pasado debido aos antagonismos, a anarquía aínda maior en condicións de liberación do movemento de capitais, o aumento dos centros imperialistas que reclaman unha nova repartición dos mercados.

cunha estratexia de confrontación estará o movemento obreiro en posición de lograr vitorias.

O KKE, neste marco, despois de estudar a liña de loita do movemento obreiro sindical a nivel nacional, europeo e en xeral, observou serias e profundas desviacións na dirección da loita de clases. Unha das principais desviacións foi a separación da economía da política e o afastamento dos principios teóricos probados da loita de clases. Ademais, observamos a absolutización da loita económica como factor determinante para o melloramento da vida da clase obreira.

Durante moitos anos, os sindicatos enfocaban a súa loita nos convenios colectivos, en xeral nas condicións relativas ao prezo de venda da forza de traballo mentres certas necesidades básicas para a reprodución da forza de traballo (educación, saúde) foron principalmente baixo a responsabilidade do Estado como representante xeral dos intereses do capital.

Un problema na dirección da loita de clases foi a negación da posición fundamental do marxismo sobre o empobrecemento relativo e absoluto da clase obreira como unha tendencia permanente no marco do modo de produción capitalista.

Estas desviacións levaron ao movemento obreiro sindical en varios países, e sobre todo nos países capitalistas desenvolvidos, á sublevación dos intereses da clase obreira aos plans e os intereses da burguesía en cada país e á negación do internacionalismo. O movemento obreiro sindical viuse en realidade desarmado ante a ofensiva do capital e a confrontación da crise económica.

A clase obreira e o seu movemento non poden renunciar nin sequera un momento á loita económica polo melloramento das condicións de traballo e de vida. A través destas loitas edúcase, toma conciencia da súa forza e crece a nivel moral, espiritual, político. As súas conquistas dependen da correlación de forzas. Sen embargo, esta loita ten límites. Calquera conquista está constantemente cuestionada. Se tal posicionamento tiña importancia nos albores da aparición do movemento sindical organizado, hoxe en día resulta imprescindíbel para a súa existencia.

Nas condicións actuais de dominio dos monopolios non aumenta o grao de explotación mediante o derrocamento das conquistas da clase obreira senón que todas as condicións da súa reprodución se converteron en obxecto de explotación para a acumulación de capital a través da privatización xeneralizada da educación, da saúde e do benestar, etc.

A loita económica hoxe non é suficiente. É unha loita defensiva, moi limitada e, sen dúbida, non é suficiente para que a clase obreira cumpra co seu papel para a liberación social. en combinación coa loita política e teórica pode decatarse do seu papel histórico.

Por moitas conquistas que logre a clase obreira a través da súa loita, non cambia a súa posición no sistema, non se altera no máis mínimo a súa posición en canto ás relacións de produción que son relacións de explotación, de dependencia do capital, unha relación de escravitude asalariada, non cambian as condicións de explotación no traballo. A lei da acumulación capitalista exclúe calquera redución do grao de explotación do traballo, o xefe é sempre xefe. Así pois, o contido básico da loita de clases é precisamente a liberación da clase obreira da explotación.

Por suposto, a correlación de forzas actual crea grandes dificultades no desenvolvemento da loita de clases con este contido e orientación. A vinculación entre economía e política é unha condición para a superación das dificultades e para que cambie a correlación de forzas a nivel nacional e internacional.

Consideramos que en condicións de crise, tanto o partido comunista, coma o movemento obreiro sindical deben levar a cabo unha loita moi complexa. Por un lado deben crear focos e condicións de agrupación sobre a base dos problemas cotiáns que se están a agudizar pola crise co fin de atraer á acción a amplas masas obreiras, especialmente mozos que son relativamente inmaturos, que se educaron en condicións de retroceso do movemento obreiro revolucionario mundial e ao mesmo tempo reunir todas estas frontes segundo centro de traballo e sector nun movemento que loite por cambiar a correlación de forzas, derrocar o poder dos monopolios, é dicir, dirixir a loita cara á perspectiva do socialismo.

É certo que non é doado, posto que en condicións de crise o radicalismo que pode desenvolverse se enfronta non á violencia do Estado e a intimidación ideolóxica, senón tamén á difusión sistemática de puntos de vista reformistas e oportunistas que crean confusión á conciencia, debilitan, fragmentan e asimilan. Non obstante, non hai outra opción que a estratexia de ruptura e derrocamento.

O PAPEL E A MISIÓN DOS SINDICATOS NAS CONDICIÓNS ACTUAIS.

Durante moitos anos, debido á separación da economía da política, os sindicatos e a súa loita deslizábase continuamente cara ao entorpecemento da loita de clases. Fortalecéronse puntos de vista e prácticas sobre a neutralidade dos sindicatos e retrocedeuse a loita ideolóxica e política dos comunistas neles en beneficio do reformismo. Polo tanto, quedou aberto o camiño para a dominación da socialdemocracia na dirección do movemento sindical.

Este fenómeno foi case total en países da UE e nos EUA. Hoxe en día, nos EUA o movemento sindical está ao bordo da disolución, mentres que nos países da UE é débil sen intervención importante. Isto non cambiará a menos que se produzan grandes cambios na dirección da formación dunha forte corrente de clase de confrontación e ruptura cos sindicatos reformistas subxugados á colaboración de clases.

O partido lanzou a tempo unha guerra contra esta liña, non sen dificultades.

A unidade da clase obreira é un asunto fundamental da estratexia do KKE no movemento obreiro sindical. Non obstante, a unidade das liñas require a súa emancipación da influencia da burguesía e das ilusións reformistas que son fortes nas súas liñas e se fortaleceron en condicións históricas concretas do desenvolvemento do capitalismo.

Nas condicións actuais, cando se formula obxectivamente a cuestión da substitución do modo de produción capitalista, a unidade da clase obreira lograrase a través do reagrupamento do movemento obreiro sindical en torno ás necesidades contemporáneas da clase obreira que son incompatíbeis cos monopolios, co imperialismo.

Un problema central da loita de clases é a orientación do movemento sindical e a loita que se desenvolve nas súas filas e é de importancia fundamental para os intereses e o curso do movemento obreiro.

A contradición entre capital e traballo é implacábel e irreconciliábel, non se pode salvar. O punto de vista dos reformistas e os oportunistas, segundo o cal se poden coexistir pacificamente o traballo asalariado e o capital e que se poden regular as súas contradicións, é a morte do movemento sindical. A derrota e a quebra destes puntos de vista e prácticas é unha condición para o reagrupamento do movemento obreiro, para a defensa dos intereses da clase obreira. Esta loita está directamente vinculada co deber principal: a liberación da clase obreira da miseria da explotación capitalista e da escravitude.

A loita pola consolidación da corrente de clase no movemento sindical, como era de esperar, confrontouse co ataque rabioso dos liderados a nivel nacional e europeo, protagonizado polos oportunistas de todo tipo. Alzáronse voces que dicían que se socavaba e se disolvía a unidade de loitas, que a loita económica se estaba abandonando e moito máis.

O asunto que formula o KKE é a combinación da loita económica e a loita política e a necesidade de superar unilateralidades e absolutismos. En condicións de dominio e expansión do capitalismo monopolista, de crise capitalista, en condicións en que se formulou obxectivamente a necesidade por un diferente camiño de desenvolvemento, restrinxir a loita en demandas individuais segundo sector ou a nivel de empresa no nome da unidade significa que a clase obreira se entrega atada de pés e mans ao inimigo. Isto significa non abandono da loita económica, senón abandono da loita en xeral.

O problema que se formulou ao movemento comunista como vehículo da unidade da clase obreira é precisamente o fortalecemento desta unidade sobre a base dos problemas comúns, na loita organizada e coordinada que vai máis alá dos intereses sectoriais estreitos e a loita fragmentada contra o patrón individual. É unha liña que formula as demandas económicas nunha base máis avanzada, contra os monopolios, o gran capital e a política que lles serve. Con todo, os problemas económicos e outros non teñen que ver exclusivamente cun ou outro empregador individual senón coa política xeral da estratexia unificada do capital e das súas unións imperialistas.

Así pois, a cuestión non é o abandono da loita económica e da unidade da clase obreira senón a dirección e o obxectivo da loita: se se restrinxe a un pequeno aumento no salario ou se apunta á satisfacción das necesidades contemporáneas dos traballadores e polo tanto seguirá o camiño da loita de clases; se damos a perspectiva á unidade e á loita da clase obreira ou se somos cómplices dos reformistas e dos oportunistas restrinxindo a loita nos límites determinados polos explotadores e o seu sistema.

Imos ter sindicatos ao servizo da patronal e dos dirixentes sindicais de oficio ou sindicatos con orientación de clase, que loiten contra a política unificada dos monopolios e do imperialismo? A conciliación entre estas liñas é imposíbel. Sería unha conciliación inaceptábel e perigosa e unha reconciliación co oportunismo. É a negación da loita de clases. Unha cousa é tomar en consideración as dificultades e os problemas complexos da loita de clases e outra cousa someterse a estas, retroceder, conformarse.

Entre os problemas complexos está a entrada de forzas novas e sen experiencia nas filas da clase obreira o cal require políticas específicas, así como as manobras da burguesía mediante gobernos de cooperación con forzas reformistas e oportunistas. A expansión das forzas da clase obreira con novos sectores que proceden de capas pequenoburguesas non cambia en nada o feito que o proletariado industrial é o compoñente básico, porque o capital industrial é o único modo de existencia do capital no seu conxunto, como foi demostrado por Marx.

A cuestión do poder político a favor da clase obreira e os seus aliados debe formularse no movemento obreiro non tipicamente ou de modo voluntarista senón de forma planificada, tendo en conta a experiencia das masas. É certo que hoxe a clase obreira, a maior parte posíbel desta, ten que convencerse da súa propia experiencia. Non obstante, para converter a experiencia en maduración política necesítase unha táctica e estratexia revolucionaria correctas, porque doutro xeito a experiencia das masas se formará non sobre a base dos seus problemas senón tamén ao lixo ideolóxico da ideoloxía burguesa, do reformismo e do oportunismo que determinarán unha postura de conciliación e de asimilación.

A CUESTIÓN DE ALIANZAS.

O KKE estuda os desenvolvementos, e en particular a disposición das forzas sociais, e enriquece a súa estratexia con novos elementos.

Os monopolios, o seu dominio, a súa preponderancia nun ou outro grao en todas as ramas da produción e servizos e a súa expansión a case todas as áreas da vida social dende o nacemento dun neno ata a vellez, aumenta a explotación non da clase obreira senón de todos os sectores populares, dos autónomos, mesmo dos que utilizan man de obra asalariada en forma limitada e os pequenos e medianos agricultores.

A alianza da clase obreira con estes sectores é un asunto crucial para os seus intereses fronte ao xugo dos monopolios. A liña básica de alianzas está subordinada a este obxectivo e serve a necesidade de formar unha fronte sociopolítica forte para enfrontar e derrocar o poder dos monopolios.

Esta estratexia ten dinámica, exerce influencia, trae resultados, unha perspectiva esperanzadora. Nesta dirección o marco de loita común acordado entre a Fronte Militante de Todos os Traballadores (PAME), a Fronte Antimonopolista Grega de Autónomos e Pequenos Comerciantes (PASEVE), a Fronte Militante de todos os Campesiños (PASY), o movemento radical de mulleres, a Federación Grega de Mulleres (OGE) e a Fronte Militante de Estudantes (MAS) é un bo comezo. A alianza social gañará ás masas obreiras e populares na medida que estas mesmas se encargan diso e axudaraas a librarse de ilusións de xestión do sistema e parlamentarismo. Enriquecerase e desenvolverase a través da xeneralización da experiencia pola acción das masas populares nunha fronte permanente contra os inimigos políticos e de clase.

A política para o reagrupamento do movemento obreiro e das alianzas non ten que ver coa defensa de sectores obreiros e populares fronte á agresividade dos monopolios e o imperialismo, pero está subordinada á loita polo cambio da correlación de forzas a nivel social e político. Trátase dun obxectivo dunha alianza estratéxica para o derrocamento a nivel da economía e do poder.
1. V.I.Lenin, Obras Completas, ed.Synchroni Epochi, vol.34, p.68.
2. V.I.Lenin, Obras Completas, ed.Synchroni Epochi, vol. 39, p.15.
3. V.I.Lenin, As teses de abril, ed.Synchroni Epochi, pp. 44, 51.
4. V.I.Lenin, As teses de abril, ed.Synchroni Epochi, pp. 44, 51.

[Fonte: nº 3 da Revista Comunista Internacional, pp 44-59, Setembro 2012]
-Traducido por FORXA!-

No hay comentarios: