jueves, 26 de septiembre de 2013

GALIZA: Vigo lembra, 38 anos despois, os últimos executados polo franquismo

Flor Baena, irmá de Humberto, vigués militante do FRAP executado en setembro de 1975

Flor Baena, irmá de Humberto, vigués militante do FRAP executado en setembro de 1975

Redacción | @prazapublica






 Cartaz da charla-homenaxe organizada por Bou Eva




O 27 de setembro de 1975 a ditadura franquista levou a cabo as súas últimas cinco execucións. Con Franco moribundo, o réxime levaba a cabo un derradeiro e desesperado acto de forza e de crueldade, fusilando os militantes do FRAP Hmberto Baena, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz, e os militantes de ETA Juan Paredes Manot (Txiki) e Ángel Otaegui. Un proceso cheo de lagoas e coas nulas garantías ofrecidas polo réxime desembocou na aprobación das condenas polo Consello de Ministros o 26 de setembro, e as execucións pouco despois da alba do día 27, ás nove da mañá. Houbo protestas ante as embaixadas españolas en todo o mundo e o mesmo Papa Pablo VI pediulle "clemencia" ao réxime. Tamén houbo reaccións en España, por exemplo as do Colexio de Avogados de Barcelona, e en Euskadi decretouse unha folga xeral, seguida maioritariamente en pleno Estado de Excepción. Os restos mortais de Xosé Humberto Baena foron trasladados a Vigo oito días despois, para evitar protestas nas rúas da cidade.
A asociación cultural Bou Eva (Rúa Tercio de Afora, 11) acolle este venres a partir das oito da tarde unha charla-homenaxe sobre Baena, Sánchez Bravo, García Sanz, Txiki e Otaegui. Participarán Manuel Blanco Chivite e Pablo Mayoral Rueda, condeados, un a morte e outro a 30 anos naquel proceso.

Os familiares de Humberto Baena levan anos tentando que se revise o caso, polas escasas garantías ofrecidas polo tribunal franquista e polas evidencias que poñen en dúbida a participación do vigués no asasinato dun policía, do que foi acusado. As súas reclamacións buscan unha reparación moral e mesmo chegaron a instancias europeas e á propia ONU. Unha testemuña do asesinato que se lle imputa a Baena, non o recoñeceu no xuízo, e no proceso Baena declarou: "afirmo que son militante do Partido Comunista de España (marxista-leninista). Non participei nos feitos que se me imputan". Tamén denunciou as torturas ás que foi sometido e erguendo as súas mans atadas polas esposas dirixiuse aos militares do Tribunal dicindo: "puedo amosar as pegadas que quedan no meu corpo, de todas as torturas que soportei. Se vostedes queren, poden velas en calquera momento".

Humberto Baena escribiulle varias cartas aos seus familiares nos seus últimos días. Nunha delas, coñecida xa a sentenza de morte, escribiu: "que a miña morte sexa a última que dicte un tribunal militar". O documental Septiembre de 1975 recolle o relato dos feitos, as reclamacións da familia e as dúbidas que existen sobre o proceso.

No hay comentarios: